caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Sen ciencia non hai cultura
> Sen ciencia non hai cultura <

Seguindo o costume adquirido no verán de colarme nos congresos, asisto á terceira xornada do que ten lugar no Pazo da Ópera da Coruña, Sin ciencia no hay cultura, o mesmo que nos permitiu ver hai un par de días á indescriptíbel Lynn Margulis. O encontro da mañá reúne ao xornalista gastronómico Cristino Alvárez, á antiga musa dos informativos Rosa María Mateo, ao economista Javier Quesada e ao director do planetario de Pamplona e ademais amigo Javier Armentia, provocados por unha esta vez pouco provocadora Malén Ruíz de Elvira. A mesa redonda acaba sendo un chisco irritante grazas ás intervencións ultraliberais (liña Espe) do señor Quesada, fiándoo todo á excelencia individual e descargando ao sistema das súas responsabilidades de estímulo e promoción da formación, tamén científica, dos cidadáns. O mellor, o magnífico escenario preparado pola organización: tres mesas camillas con pocillos e café de verdade riba delas, un moble-bar con forma de globo terráqueo e, ao fondo, un boneco de Einstein ben bonito que mais tarde recollería Fuco con paternal agarimo.

Despois da mesa, pausa e zumos, socializando un pouco coa xente que me fala do inesquecíbel paso polo congreso do académico das cavernas e de AlfrEGO Conde ("puedo vivir muy bien sin saber nada de genética") ao tempo que lle damos uso ao catéring, que para iso está (aprendede, editores!). Como bo congresista-pirata que son nin sequera dispoño do horario das ponencias, así que vou/imos improvisando sobre a marcha. Empezamos polo repaso que Henrique Neira fai dos dez anos do suplemento Descubrir no Galicia Hoxe: parabéns para eles e tamén para os de Canal Ciencia, que fan un traballo estupendo. Logo vén Francisco Franco del Amo para falar das actividades nos museos como ferramenta de divulgación, poñendo como exemplo o labor do Aquarium Finisterrae e en particular o tratamento que lle deron aos sucesos do Prestige, un exemplo perfecto de como un museo pode responder aos desexos de información boa e honesta dos cidadáns. A seguir Erik Stengler, do Museo da Ciencia e o Cosmos de Tenerife, reflexiona con graza sobre para quen divulgan os divulgadores de ciencia, amosando axiña unha fotografía dunha conferencia organizada polo seu centro na cal se ve unha ducia escasa de espectadores. O número, en calquera caso, non é o problema: veciños como son do IAC, saben que basta organizar unha charla sobre astrofísica para encher a sala até o teito. Tanto nun caso coma no outro os participantes desas conferencias son xa os convencidos, os que teñen xa curiosidade pola ciencia; a verdadeira pregunta é cómo enganchar ao público de Salsa Rosa e Operación Triunfo, lembrando ao paso o dato de que un dos oficios relacionados coa ciencia mais desexados hoxe en día polos adolescentes é o de médico forense, imaxinen vostedes a razón. Levados pola vontade de chegar a todo o mundo argallaron a Cosmoneta, unha guagua cargada de material didáctico coa que poden acudir mesmo aos pobos mais pequenos, invadindo pacificamente as súas festas populares.

Una apuesta por el pensamiento crítico foi o título da comunicación asinada por Félix Ares de Blas, José María Bello e Javier Armentia e presentada por este último, un relato da pequena historia da ARP-SAPC, a Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico, que dun tempo a esta parte ten tamén bitácora propia. Poden ler en Internet contidos parciais da súa revista, con apenas un ano ou así de retraso. Cambiamos de sala para escoitar a Nieves Gordón, do planetario de Pamplona, explicando as súas relacións cos medios e contestando ás intelixentes preguntas do xenial Manuel Toharia, quen a tarde anterior pronunciara unha conferencia titulada Cambio Climático dentro dun ciclo sobre actualidade científica no que por suposto tamén me colei e na cal Toharia rebaixou o sensacionalismo arredor dese tema, para pechala de maneira memorábel dándolle xusto protagonismo ás verdadeiras cuestións urxentes do planeta. Rematamos a mañá do venres atendendo a Enrique Díaz, responsábel do programa de Canal Sur Radio El Observatorio, un meritorio esforzo que deberan imitar outras radios públicas.

Reaparezo a última hora da tarde para disfrutar -moitísimo- cunha magnífica leitura dramatizada da obra Copenhagen de Michael Frayn, unha peza fascinante que revisa a estraña viaxe de Werner Heisenberg á Dinamarca ocupada polos nazis para ver a Niels Bohr, encontro que acabou definitivamente co que noutrora foi unha fructífera amizade e colaboración. Deixo aí unha suxerencia para que a recolla quen se poida servir dela: un ciclo sobre teatro e ciencia que programe obras como Copenhagen, Die Physiker de Friedrich Durrenmatt, o Galileo de Brecht ou esa de Peter Parnell estreada polo meu admirado Alan Alda.

2005-11-12, 21:38 | 14 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34669

1
De: Por La Boca Muere El Pez Fecha: 2005-11-13 01:21

Sin Ciencia No Hay Cultura Y Otras Frases Para Pensar: «"... y sin cultura no hay ciencia", a&ntilde;adi&oacute; Lynn Margulis en la charla inaugural del III Congreso sobre Comunicaci&oacute;n de la Ciencia, que se abr&iacute;a el pasado 9 de noviembre, D&iacute;a de Sagan. U»



Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-12 22:17

Aquí teñen unha tradución da obra de Michael Frayn, que por certo foi adaptada para a televisión con Stephen Rea, Daniel -007-Craig e Francesca Annis como protagonistas.



2
De: leco Fecha: 2005-11-12 23:16

Magnifico post, sr. Pawley. Agradézolle toda esta informacion que que nos proporciona en tan pouco espazo e dun modo tan axil.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-13 01:20

E eu agradézolle a súa amabilidade, señora Combing.



4
De: Vendell Fecha: 2005-11-13 04:05

¡Qué ordenado foi sempre o Heisenberg!



5
De: ElPez Fecha: 2005-11-13 10:51

Una interesante exposición on-line sobre la vida y obra de Heisenberg.



6
De: calipso Fecha: 2005-11-18 16:41

¿pódeme explicar iso do AlfrEGO Conde. ¿realmente é así como dixo?



7
De: calipso Fecha: 2005-11-18 16:41

¿pódeme explicar iso do AlfrEGO Conde. ¿realmente é así como dixo?



8
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-18 21:31

Non, home, non: o de AlfrEGO Conde é unha invención miña. Moi afortunada, por certo.



9
De: calipso Fecha: 2005-11-19 21:44

se non é foi como o dixeches ¿por que dixeches que o dixera? e aínda maís ¿por que é unha invención túa tan afortunada, por que cres qque é afortunada? digocho porque eu xa teño escoitado todo o contrario e non sei a que me ater con este señoriño



10
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-20 01:17

Perdoe, calipso, entendinlle mal: pensei que se refería ao alcume, ao de AlfrEGO... Eu non estiven nesa mesa redonda: tomei a frase da Voz de Galicia:

En el lado opuesto (=a Arsuaga), tanto en razonamiento como en ubicación, el escritor Alfredo Conde aseguró poder vivir muy bien sin saber nada de genética. "La sociedad delega en los técnicos para que decidan, no se puede saber de todo".

E tamén soltou o seguinte: "Más que una carencia de conocimientos científicos concretos, veo una falta de inquietud hacia el conocimiento en general".



11
De: calipso Fecha: 2005-11-20 11:04

moitas grazas polo respectuoso tratamento, xa non o volverei atuar eu a vostede; adsemais é moi de agradecer para unha moza semellante detalle por parte dun señor que entendo xa maduro, de máis de trinta, claro; en fin, que procurei enteirarme cuns compis que andaron por alí e do que din que falou o Conde foi de que el ve máis necesario que saber de todo, algo imposible, manter unha actitude de curiosidade cara a ciencia e de respecto cara o seu avance, e iso non está tan mal. Tamén me dín que si, que dixo que non se pode saber de todo, pero que hai que delegar pouco nos técnicos e que para iso non se pode eludir ter unha opinión, algo que sucede pois a xentes pensamos máis dos que os elitistas siupoñen que o facemos.
Pero ¿por que non me aclara porque lle chama AlfrEGO Conde ó paisaniño? ¿Será porque o seu propio ego poidera bater contra o del e iso lle molesta? ¿Por que se agacha vostede embaixo du pseudónimo? O seu blog, o de vostede, paréceme moi bo pero as súas opinións, as de vostede, empezamos a parecerrem incosistentes. ¿É vostede escritor? Paréceme que hai moitos escritores blogueiros, tantos que navegar por eles da a impresión de facelo polas Malvinas antes da guerra.



12
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-20 19:12

Só faltaría que non sentira respecto para a ciencia, claro. O de que non se pode saber de todo e hai que delegar é unha obviedade, pero iso vale tanto para a xenética como para a arte barroca ou a narrativa galega contemporánea.

O de AlfrEGO é algo bastante evidente para os que saben algo del; os que non saben nada é porque non tiveron interese e polo tanto sóbranlles as explicacións. Eu de ego ando ben, grazas. Quen lle dixo que Martin Pawley era un pseudónimo? E se o fora, que mais lle dá? Obviamente, son escritor: escribo a diario textos neste blog desde hai dous anos. Referíase vostede a iso, non?



13
De: calipso Fecha: 2005-11-20 20:09

refírome -agora, non antes- a que deixou de me merecer respecto o seu criterio pois ata como sofista é mediocre: crítica sen fundamento, rebate sen argumento e sinala evidencias que non xustifica, evitándose explicacións das que da toda a impresión de non dispoñer delas en absoluto. ¿equivócome? fala vostede de xeneralidades dun xeito vago. A súa opinión xa non me interesa. Olvídeme.



14
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-20 20:37

Estea tranquila, calipso: esquecereime de vostede con moitísima facilidade.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley