Pouco despois das nove e media da mañá do tres de outubro a Lúa empezará a aparecer por diante do Sol, ocultándoo progresivamente ao longo dunha hora até cubrir o 90% da súa superficie a iso das once menos dez. Nese intre o Sol só nos amosará unha estreita franxa circunscrita á Lúa, suficiente en calquera caso para iluminar mais que de sobra a parte da Terra que nos rodea. O eclipse non é
total, senón
anular, e polo tanto non chegará a "facerse de noite" por uns minutos; para iso deberemos agardar outros vinte anos, até o eclipse do 2026, pero con certeza a experiencia de mañá será igualmente valiosa, e a redución de luz durante a ocultación, non sendo absoluta, si será mais que aprezábel (reparen outra vez no dato: no momento do máximo só un 10% do disco solar ficará á vista).
No suplemento
La Voz de la Escuela poden ler un
estupendo artigo de
Marcos Pérez sobre o eclipse. Na
web da agrupación Io hai unha completísima
sección con todo o que vostede quixera saber sobre o tema pero nunca se atrevería a preguntar. Mais aínda: un grupo de compañeiros da agrupación está neste mesmo momento desprazándose a Zamora, lugar desde onde o luns retransmitirán o eclipse por Internet, así que estean
moi atentos. E por se todo isto non lles parece dabondo, visiten
a páxina que creou a xente do Planetario de Pamplona; a do
Clube Vega compostelán; o blog de
Víctor R. Ruiz e o de
Ángel R. López Sánchez, e por suposto
InfoAstro, que inclúe unha interesantísima
entrevista con
Javier Armentia.
Seguro que o saben porque xa o escoitaron milleiros de veces, pero sempre paga a pena insistir: é extremadamente perigoso mirar ao Sol sen a protección axeitada, pois poderíamos sufrir queimaduras irreparábeis na retina. Non serven de nada os típicos trucos caseiros, como o emprego de radiografías, CDs ou negativos velados, e por suposto tampouco valen as gafas de sol, debido a que estes obxectos só filtran unha pequena parte da luz visíbel pero non impiden o paso da radiación ultravioleta e a infravermella, co cal o perigo é o mesmo que ollando a simple vista ou maior incluso por mor da aparente e falsa sensación de seguridade que poderían proporcionarlle a un observador incauto. Só podemos mirar para o Sol empregando
gafas para eclipse homologadas, que levan filtros específicos cun elevadísimo factor de protección. Estas gafas están deseñadas para a observación a simple vista e non poden ser empregadas en ningún caso como filtro para uns prismáticos ou un telescopio. Revisen que o seu estado de conservación sexa perfecto, descartándoas inmediatamente se detectan nelas pequenas roturas ou rabuñazos. Aínda coas gafas postas non é recomendábel ollar para o Sol por espazo de mais de tres ou catro minutos seguidos.
Unha alternativa cómoda, eficaz e totalmente segura consiste en proxectar a imaxe do disco solar sobre unha pantalla, tal e como nos amosa o gráfico que aparece sobre estas liñas. É unha técnica moi sinxela ao alcance de todo o mundo: construír un instrumento como o que nos propón
Vendell neste
PDF lévanos mais ou menos o mesmo tempo que tardamos en tomar un café. Unha última opción é achegarse ás observacións públicas que os diferentes museus científicos e agrupacións astronómicas teñen previsto para o luns. Na Coruña será como sempre a Casa das Ciencias (no Parque de Santa Margarita) o escenario central de todas as actividades.
Mais nada. A disfrutar!
dos arquivos estranhos: Tránsito e infortunio *
Atendendo á estrela panadeira *
Unha escusa para mirar ao ceo.
¶