
Xa
lles falei aquí algunha vez do músico
Sufjan Stevens, do seu melancólico
Seven swans e do arrebatador
Greetings from Michigan, dúas obras mestras que o deixan a un vagamente descolocado. Nacido en Detroit hai trinta anos, Sufjan é un home de creatividade aparentemente inesgotábel e coa suficiente ousadía como para lanzar unha proposta que soa a arroutada xenial: dedicar un disco a cada un dos cincuenta estados que forman os Iunaited Esteits, proxeto este do que el fala ás veces con ironía e ás veces cheo de razón. O caso é que os seus seguidores, como
a señora dot,
Darren Hughes ou eu mesmo, temos á nosa disposición un novo traballo seu,
Illinois, que se move na liña hiperbólica do
Greetings from Michigan, cunha espeluznante riqueza instrumentística e coral e tamén algúns momentos de fermosa fraxilidade.
Sufjan Stevens é cristián, moi cristián, e as súas cancións falan moito de fe. Eu non llo teño moi en conta; de feito, é tan brillante que nin sequera me molesta que
deteste a
Wilco, o mellor grupo de rock do mundo moderno. Pero poden xulgar vostedes mesmos. Aaron, do blog
Welcome to the Midwest, colgou
uns mp3 cunha actuación ao vivo de Sufjan Stevens no programa de radio
Morning Becomes Eclectic (esa actuación, por certo, poden vela tamén en
streaming video no site da KCRW). Se non saben por onde empezar eu aconséllolles a miña favorita,
Jacksonville; aínda que nese concerto soan aínda mellor
A good man is hard to find e
The Man of Metropolis.
¶