Cut-Outs Sticking Out 2004, de
Patrick Hughes
Asisto ao simposio
Arte e sistema visual, que serve de luminoso e divulgativo prólogo do congreso
ECVP'2005 que terá lugar a semana que vén. Aproveito para dicir que isto de abrir un congreso técnico a un público xeral profano na materia é unha estupenda iniciativa que debería repetirse máis a miúdo. Neste caso e grazas a unha apretada axenda de seis conferencias e tres cafés diarios exploraremos o fascinante tema das relacións entre as formas artísticas e o xeito en que captamos e procesamos as imaxes.
A xornada do sábado empezou cunha
magnífica charla de Pedro de la Villa sobre a retina, a súa estrutura e as súas funcións, fundamentalmente dúas: a
fototransdución, ou conversión da luz nun sinal eléctrico, labor que corresponde aos fotorreceptores, conos e bastóns; e a
codificación dalgúns rasgos fundamentais dos estímulos, como a forma, a cor ou o movemento. Poden descargar e ler un interesante artigo seu en PDF sobre a fisioloxía da retina
neste enderezo. A diferente forma de resposta ante os estímulos de cada tipo de células explica as peculiaridades da visión humana, pero non aporta argumentos claros para xustificar a razón de moitas das ilusións visuais, que ocuparán boa parte do simposio.
José Manuel Alonso ofrece a continuación unha
conferencia un chisco dura para o meu gosto, e por máis que atendo acabo perdéndome en algún punto indefinido entre a retina e o tálamo. Así e todo aporta varias ideas valiosas e déixanos para o recordo cousas tan simpáticas como esta:
FINISHED FILES ARE THE
RESULT OF YEARS OF SCIENTIFIC
STUDY COMBINED WITH
THE EXPERIENCE OF YEARS
Conten con rapidez cantas "F" hai nesa frase, sen facer trampa. É posíbel que lles saian tres, que foi o que me pasou a min, pero basta con pararse un pouco para decatarse de que hai xustamente o dobre. Despois de José Manuel Alonso e do primeiro descanso chega
Susana Martínez Conde para falarnos dos distintos tipos de
ilusións visuais e como os artistas ao longo da historia se aproveitaron delas para provocar sensacións no espectador, desde os mais primitivos trucos para comunicar idea de perspectiva até as arrebatadoras obras de
Victor Vasarely. Susana menciona o
traballo de Margaret Livingstone que describe a fascinación polo enigmático sorriso da Mona Lisa como un resultado do proceso visual humano, de tal xeito que o sorriso parécenos mais ou menos explícito en función de que o contemplemos con visión periférica ou ben ollemos para el directamente; pero isto será mellor que nolo explique este domingo pola mañá a propia señora Livingstone, que tamén participa no simposio.
A tarde arranca con
Camilo José Cela Conde, que se pregunta pola posíbel correlación entre a percepción da beleza e unha determinada resposta cerebral. A súa intervención fainos pensar que nos está explicando o comezo do comezo do comezo dun estudo que pode ser apaixonante pero que neste momento parece aínda demasiado impreciso. Se me permiten a comparación é como se estivesemos ante un
abstract extraordinariamente suxestivo que dá paso a un artigo moito menos interesante. As súas palabras resultan en calquera caso moi inspiradoras, non tanto polo que di como polo que nos fai pensar, e quizá xustamente ese fora o obxectivo. Despois dun novo descanso con café incorporado é o turno de
Luis Martínez, que aprofunda na espinosa cuestión da identificación dos obxectos e explica a diferencia entre a
visión para a acción e a visión para a percepción, ou o que é o mesmo, os procesos visuais que nos permiten interactuar co mundo e aqueles que nos permiten representalo.
Pechamos a xornada cun maravilloso sabor de boca da man de Norman Cook e a súa disertación sobre as
ilusións de perspectiva inversa, ou de como as imaxes que recibimos chocan radicalmente coa experiencia acumulada que nos di que os obxectos alonxados de nós parecen mais pequenos que os que están perto e que nos permite decidir se as formas sobresaen ou non a partir da distribución das sombras. Nas ilusións de perspectiva inversa os tamaños relativos das cousas e as sombras están manipulados para crear unha idea de profundidade non necesariamente coincidente coa real; se nos movemos diante delas (engadindo en certo senso unha cuarta dimensión) o que percibimos resulta aínda mais desconcertante.
Aquí lles contan como fabricar estas ilusións, pero se non lles apetece poñerse a facer bricolaxe veñan por Coruña e visiten os museos científicos, que acollerán unha peza destas por xentileza do señor Cook; e xa de paso entren na páxina do artista inglés
Patrick Hughes, o
Escher do século XXI, e divírtanse movendo ese
estraño e confuso dado.
¶