Martes, nove de agosto. Chego á feira pasadas xa as nove da tarde e malia iso aínda dou coa indescriptíbel actuación dun suposto xenio, ou non, chamado
Xavier Vila, autor que daba a coñecer a súa obra
El hombre masa y la mujer panadera (
"Y olvidaré todas las mentiras / que la Iglesia me enseñó / ¡Mi semen es la Vía Láctea! / ¡Galileo mi profesor!").
Xavier Alcalá, narrador magnífico, vai xusto despois; alí estou eu, representando ao
ateísmo en medio daquela xuntanza evanxélica. Preséntase o seu libro
Nas catacumbas, segunda entrega da triloxía que recolle as desventuras dos protestantes na España negra e católica do franquismo. A novela é valiosa aínda que dá un pouco de pereza botarse a ela, vencendo o escasísimo interese que poidan inspirarnos as vidas dos fanáticos relixiosos. Despois das palabras iniciais do editor,
Víctor Freixanes, arranca unha intervención moi relambida de Jesús Reiriz e logo toma a palabra
Olivia Rodríguez, pero o verdadeiramente interesante veu da man do propio Alcalá, que ousa dicir que ao
Quijote lle sobran historias.
"É unha novela moi longa, moi mal escrita", solta, e cando volvo a cabeza con perplexidade vexo a Elena, a intelixente esposa do escritor, ollando divertida con cara de
Que fixen eu para merecer isto?.
Entre os asistentes atópase
Xosé Carlos Caneiro, cousa que descubro ao rematar o acto. Imos logo a tomar un viño; Alcalá, Caneiro e Freixanes póñense de tertulia e eu, ao velos, non deixaba de pensar que colocando unha detrás doutra todas as páxinas que levan publicadas os tres
galácticos ben dabamos un par de voltas á muralla de Lugo. A pouca distancia deles pero nun universo paralelo
Toni Iturbe cóntanos o farto que está do sushi e Elena e mais eu lamentámonos da imposibilidade de ver certos filmes aquí no terceiro mundo. Fora na rúa chove.
A verdade é que non había mellor final imaxinábel para unha feira que eu empecei parolando con
Jaureguizar que acabala dándolle a man a Caneiro. Pola miña parte só agardo que vostedes tiveran a prudencia de gardar o histórico folleto deste feirón:
A ilustración de
Xan López Domínguez para a capa é moi bonita, pero o importante, como sempre, está no interior:
E é que na feira do ano que vén, por fin, o presidente da comisión de honra será outro.
¶