Unha ampla maioría parlamentaria (todos os partidos agás o PP e CiU) aprobou esta mañá a lei que permite o casamento entre persoas do mesmo sexo. Os deputados que votaron si representan a mais de catorce millóns de votantes, unha cifra que supera en catro millóns o respaldo eleitoral do PP e de CiU, esa dereita tan cristiá coa cal de cando e cando o BNG gosta de exhibirse en público.
Supoño que o de hoxe é un día histórico. Así é, con certeza, pero persoalmente a igualdade de dereitos entre as parellas homosexuais e as heterosexuais paréceme unha idea tan elemental, tan absolutamente elemental, que no fondo o que sinto é unha profunda vergoña por termos tardado tanto en facela oficial, da mesma maneira que me avergoña o feito de que aquí mesmo e hai só unhas poucas décadas as mulleres non puideran moverse libremente sen permiso dos seus maridos ou de que cara a metade do pasado século nun país que temos por berce da democracia os bares tiveran aseos separados para os cidadáns de pel escura.
Por certo, recoméndolles que escoiten cando teñan ocasión o consultorio sexolóxico do programa das tardes da COPE; todos os xoves, creo. O de Cristina, mujer-mujer.
Parabéns, Martin! Parabéns aos espanhóis por trincarem essa casca de brutalidade e insensatez que envolve o planeta e permitirem, com esse gesto, que o vento da razão possa varrer para longe essas injustiças rançosas e que a árvore do amor possa finalmente florescer em todas as campinas do mundo.
Hehehe, Pedro... cando fala da "casca de brutalidade e insensatez", refírese você ao noso ex-presidente Fragagá? ;-)
Moi perto de aquí, alá en Minho Sur, hai un par de blogs emprendendo unha campaña a prol dunha reforma legal que permita o casamento entre persoas do mesmo sexo. Poden lelo no Renas e Veados e no Random Precision.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.