caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Xénese
> Xénese <

Este venres 3 de xuño estréase por fin en España o documental Xénese, de Claude Nuridsany e Marie Perennou, obra mestra da que lles levo falando ben desde o pasado mes de setembro. Por esa razón volvo poñer aquí o texto que escribín sobre un filme que deben facer todo o posíbel por ver.



En 1996 unha longametraxe documental que se achegaba ao fascinante mundo dos insectos superou na Franza, para satisfación da carteira e do xigantesco ego do seu produtor Jacques Perrin, a colosal cifra de tres millóns de espectadores (evitarei a vergoña comparativa omitindo o número de entradas vendidas en España). Microcosmos: Le peuple de l'herbe era o primeiro traballo para o cinema dunha parella formidábel, Claude Nuridsany e Marie Pérennou, que con el definiu un xeito moi especial de entender o xénero, apostando pola forza poética e narrativa das imaxes e prescindindo do didactismo ramplón das producións televisivas. Para o seu segundo filme decidiron asumir o ousadísimo repto de enfrentarse en tan só oitenta minutos ao nascimento da vida. Xénese (Genesis) pasou inxustamente inadvertida en meio da apertada axenda do último Festival de Donostia, de tal forma que ao seu pase moi poucos críticos se prestaron a acudir. Síntoo por eles; non só perderon unha fita deslumbrante senon tamén unha interesantísima rolda de prensa, moito mais viva do que coubera presaxiar en virtude das escasas butacas ocupadas.

Un brillante inicio con cristais de vitamina A filmados a través dun microscopio con luz polarizada serve de perfeita introdución ao que o filme vai depararnos. Xénese renuncia ao uso de efeitos dixitais e decántase con indescriptíbel eficacia por trucos artesanais, valéndose de fume ou de pompas de xabón para criar inxeniosas analoxías. As ideas multiplícanse en cada fotograma construindo unha rede inagotábel de suxerentes referencias: "Baseámonos en dados científicos para os transformar nunha especie de mitoloxia moderna. Queríamos devolverlle o sentido de encantamento a unha ciencia que tamén pode alimentar a imaxinación colectiva con imaxes tan potentes como as que transmiten os mitos, como a Terra vista desde o espazo ou un feto humano no útero da sua nai". Asi, a ecografía de altísima resolución que nos amosa os acenos e movimentos dun bebé no ventre materno ou as imaxes do nascimento dun pito visto desde dentro do ovo énchense de forza simbólica, como se estas cenas non acontecesen nunca antes e estivesen producíndose por vez primeira diante dos nosos ollos agradecidos. De feito, o filme todo caracterízase por un luminoso primitivismo, convertendo en protagonistas a seres que a priori non nos semellan moi cercanos e cos que atopamos vínculos desconcertantes. A danza amorosa dos cabaliños de mar, a serpe come-ovos, o combate das iguanas mariñas ou ese insólito peixe que pesca introdúcennos nun mundo intemporal ao que non nos sentimos alleos, nun fermoso exercicio de reconciliación coas nosas orixes. A vida é a historia mais bela do mundo, e en Xénese adopta a forma dun relato ancestral narrado por un griot, un contacontos africano ao que dota de voz e de presenza o espléndido Sotigui Kouyaté, apoiado pola fantástica envoltura sonora criada por Laurent Quaglio e a maravillosa música de Bruno Coulais.

Xénese é unha obra mestra incontestábel e inspiradora, pero por riba de todo é unha leción de fraternidade:

"Os títulos de crédito din: estar vivo é urdir unha historia desde un comezo que non lembramos até un final do que non sabemos nada... Queríamos ser puramente materialistas. A materia xa está feita de soños, poesía, perguntas e metafísica, xa que neste grande ciclo de recombinacións sucesivas os átomos criados pouco despois do Big Bang son inmortais e o seu número invariábel: reciclados dun ser a outro, pasan da area ás nubes, despois se cadra a un rostro, e despois podemos atopalos nun río. Soa como un poema Sufí. De feito, estamos formados polo mesmo material que o mundo, as estrelas, as nubes e as montañas. Temos unha afinidade esencial co mundo."

2005-06-03, 00:24 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/30378

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-03 16:42

Aínda non chegou aos cinemas galegos, pero tranquilos, que chegará. Tarde e en silenzo, coma sempre, pero chegará. Os que estean en Madrid ou en Bilbao, por exemplo, si poderán vela esta mesma fin de semana. Até entón poden ver algunhas imaxes na web de Telecinco.



2
De: Vendell Fecha: 2005-06-03 22:48

Tiven a oportunidade de vela. Realmente é magnífica.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-04 00:54

Pois imaxínea en pantalla grande, Vendell...



4
De: moStrenGo adamastoR Fecha: 2005-06-04 20:22

Convenveste-me. E nem era preciso, porque eu adorei o Microcosmos.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-04 21:28

Pois Genesis é melhor ainda, se isso for possível.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley