um
Carme Adán, cabeza de lista do BNG por Pontevedra,
acaba de abrir blog está a ponto de abrir xa abreu blog. E un blog de verdade, ademais, con comentarios, fotos e ligazóns. Pola miña parte fica desde este momento convidada ao próximo
xantar do blogomillo, se é que lle deixan algún oco os seus compromisos no governo de Galiza,
que é onde estará para daquela.
dois
Recibo un interesantísimo correo dunha persoa que traballa nos servizos informativos da RTVG. Paga a pena lelo con atención:
"Ola, amigos, gatekeepers do blogomillo, marcadores de tendencias e xente avisada en xeral.
Escríbovos para contarvos algo que probablemente vai ocupar pouco espazo nos medios, a pesar de que ten que ver con eles, ou precisamente por iso, pero que lles afecta directamente a máis de 800 persoas e, indirectamente, a case tres millóns de cidadáns.
Mañá, mércores 25 de maio, os traballadores da CRTVG estamos convocados polo noso comité interempresas a un paro de catro horas (dúas na quenda da mañá, de 12:30 a 14:30, e dúas na da tarde, de 18:30 a 20:30). É a
primeira xornada de folga dun calendario de mobilizacións que, se cómpre, se prolongará durante a precampaña e a campaña electoral, para acabar na noite do 19 de xuño. Dúas razóns concretas: unha prioritaria e urxente, esixir o que chamamos unha "ampliación de catálogo", unha ampliacion nun número razoable do plantel fixo de traballadores da TVG, a RG e a Compañía; outra que parece máis frívola pero tamén é xusta, reivindicar unha suba salarial do 5% para os traballadores fixos. A de fondo:
esixir a mellora das condicións laborais coma primeiro paso para conseguir uns medios públicos dignos que cumpran a función para que o foron creados.
Un conflito laboral máis, diredes, nestes tempos difíciles de reconversión xeral e permanente e de emigración xuvenil masiva. Se cadra egoistamente, penso que aquí todos nos xogamos algo máis.
A historia de desencontros entre os cidadáns galegos e os medios públicos do país é longa, triste e coñecida. Moitos alardean de non velos ou escoitalos, e se por casualidade o fan, ven confirmados os seus prexuízos: uso partidista dunha televisión e dunha radio que pagamos todos, ocultación e maquillaxe da realidade, galego de Valladolid, haxiografías populares, mixtificación da nosa identidade e da nosa cultura, folclorismo mal entendido, mediocridade intelectual, o pantagruelismo como ideoloxía...; un insulto ético e estético, vamos. (Creo de xustiza recordar que a RG e a TVG tamén fixeron cousas de mérito, pero esa é outra historia para outra ocasión.)
Houbo moitos episodios bochornosos nos últimos anos, pero
o divorcio escenificouse coma nunca durante a marea negra do Prestige, coa RG e a TVG rendidas á versión oficial, mentres o fuel asolagaba a costa e as conciencias. Nunca o desprezo e a carraxe contra os seus traballadores foi maior nin máis xustificado: insultos a xornalistas e reporteiros gráficos, berros de "televisión, manipulación" en cada manifestación, en cada vila costeira. Cidadáns
xustamente indignados e traballadores descorazonados e avergonzados, admitindo a súa indignidade sen atreverse a suxerir que a ira cidadá alcanzase tamén outras instancias aínda máis incompetentes.
Non reclamo comprensión para o imperdoable, pero calquera pode imaxinar que as razóns deste esperpento no que se converteron os medios públicos galegos son variadas e complexas:
o medo de case todos, a covardía de moitos, a vaidade dalgúns, as prebendas doutros tantos, a indecencia duns poucos e tamén, e non é a menos importante, a precariedade laboral.
Neste momento, aproximadamente o 33% dos profesionais da CRTVG traballan en precario (unha porcentaxe que se duplica en departamentos coma a redacción de informativos), mediante fórmulas diversas e imaxinativas: contratos temporais e por obra que se encadean -ou non- mes a mes, día a día, durante lustros, contratación a través de ETTs, contratos artísticos a xornalistas, prácticas mal pagadas e bolsas que se eternizan... Ademais,
externalizáronse (subcontratándoos a produtoras "amigas")
case todos os programas de entretemento e parte dos servizos informativos, o que non reduciu os custos de produción pero si a nómina e a seguridade laboral dos traballadores. Todos, os de dentro e os de fóra, convivimos diariamente coa censura e a autocensura, coas faltas de respecto profesional e persoal, con ameazas veladas e explícitas... En fin, non quero pintarnos coma vítimas nin aburrirvos, pero non é difícil imaxinar as consecuencias que estas condicións laborais producen na calidade e na honestidade da información que se ofrece; non tedes máis que ver calquera telexornal.
Está por ver se a xornada de folga vai ter algunha incidencia visible na programación. A empresa ten moitas tácticas -que van do inmoral ao ilegal- para evitalo pero, máis alá diso, e a menos de un mes das eleccións, o que máis dano pode facerlles é tamén o máis difícil,
que isto se saiba alén de San Marcos.
Todos temos que merecernos os medios públicos que queremos, nosoutros e vosoutros. Así que
só vos pido que fagades o que nós, con todos os nosos medios, delegacións, cámaras web, reporteros dicharacheros e enviados especiais a Mónaco e ao Vaticano, non podemos facer, contalo. Aos vosos coñecidos, veciños, compañeiros, familias políticas, a todo o mundo subterráneo do que non teño correo electrónico e, se o considerades necesario, aos vosos lectores".
tres
Suxírolle a
un amigo que manda correos brevísimos que probe a facer haikus. En poucos minutos envía este de sabor claramente eleitoral:
Os das mudanzas
alegran Montepío.
Chega o verán.
Eu propuxen unha versión algo mais gótica, pero non necesariamente pesimista:
Anuncia o xílgaro
que os coches da mudanza
son coches fúnebres.
¶