caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > NON aos que din NON ao matrimonio homosexual
> NON aos que din NON ao matrimonio homosexual <

Dentro duns días vai votarse no Senado a reforma do Código Civil que equiparará en dereitos ás parellas homosexuais e heterosexuais. Se o Senado rexeita a proposta esta volvería ao Congreso, onde hai maioría parlamentaria suficiente en favor da aprobación. Parece evidente, contodo, que o apoio dunha soa das dúas cámaras non contribuiría a sosegar uns ánimos xa innecesariamente encendidos, e ademais é posíbel que na súa tramitación o Senado acabase por propoñer mudanzas no texto da reforma, evidentemente limitando o seu alcance. A diferenza do Congreso as cousas no Senado andan moi xustiñas, de tal xeito que un voto mais ou menos pode decantar os resultados a unha banda ou a outra.

Os senadores galegos son dezanove: un do BNG, catro do PSOE e todos os demais do PP. Os populares, como era previsíbel, xa anunciaron que votarían en contra. O do BNG pronunciouse a favor e o mesmo fixeron os do PSOE. Todos? Non! Nunha pequena aldea chamada "A Coruña", na que casualmente nacín e vivo, o seu alcalde e tamén senador Paco Vázquez/Paco Vázquez afirmou a súa intención de non ir ao Senado o día da votación posto que el está en contra da lei. E non pasaría nada, realmente -alá cada cal coa súa conciencia- de non ser porque este home, o mais republicano dos monárquicos e o mais socialista dos de dereitas, presentouse como cabeza de lista por un partido que fixo do "matrimonio gay" unha das súas bandeiras eleitorais. E ben que lle debeu custar ser cabeza de lista, tendo en conta que as do Senado ordéanse alfabeticamente e o seu apelido empeza por "V".

Todos vostedes saben ben do meu profundo aprezo polo alcalde que fechou o corazón da cidade para poñerllo en bandexa de prata ao daquela presidente Aznar, cando veu aquí a oferecernos nun xa mítico consello de ministros aquel Plan Diolopaghe (Que Cartos Non Hai). Saben do meu agarimo por un home que pensa que como zona verde vale calquera lugar onde o chan teña tal cor, que di ser moi antinacionalista pero que en canto pode bica a bandeira roja y gualda e alardea do seu amor por España. Saben de todo iso, e mais que saberán, porque a el, tempo ao tempo, tamén hai que botalo. Pero agora non se trata diso. Todo o que lles contei pode entenderse, se queren, como que el e mais eu temos criterios diverxentes na nosa maneira de ver o mundo, e aínda que me doa ten todo o dereito de actuar como actúa, apoiado nas súas sucesivas maiorías absolutas no Concello. A súa atitude na cuestión da reforma do código civil, porén, é politicamente menos xustificábel, e mesmo debera ser tildada de traición aos votantes, posto que os que riscaron o seu nome na papeleta fixérono, quizá, convencidos de que el como senador ía defender o programa eleitoral do partido ao que representa. Eu esixo que el vote o que o seu partido prometeu. Simplesmente iso.

Por iso é xusto queixarse, independentemente de con quen un se deite. Diversas asociacións LGBT da Galiza convocaron para este domingo 22 de maio unha concentración na Coruña, na praza de María Pita, á unha da tarde. Que digo unha concentración: unha voda. A min convidáronme esta tarde e, por suposto, hei de ir por alí. Porque a causa é obxectivamente xusta, porque nunca está de mais meterlle un dedo no ollo ao alcalde trilingüe, e porque calquera excusa é boa para ir tomar uns vermús cos amigos.

Veñan se poden, fagan o favor.

2005-05-20, 00:12 | 3 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/29897

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-20 00:41

E ese día, pola tarde, ao Principal.



2
De: Secreción Neuronal Fecha: 2005-05-20 05:19

O de que lord paco vazquez non estea no pp ou nalgún partido máis á dereita é un dos grandes misterios sen resolver do noso tempo. A verdade que despois de despachar a Fraga (esperemos) tócalle o turno a este personaxe, que precisamente tampouco é que leve pouco tempo no poder.



3
De: Pedro Lemos Fecha: 2005-05-21 03:00

Se por aí a questão é difícil .. por aqui ela é impossível .. No Brasil, a então deputada Marta Suplicy encaminhou uma proposta neste sentido .. certo que o governo Lula poderia - do partido da Marta - poderia comprar a briga .. mas seria esperar muito daquela gente.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley