Quen me ía dicir que a primeira cousa editada comercialmente na que aparecería
o meu nome sería
un disco... E ben orgulloso que estou, oian, aínda que a miña participación sexa suficientemente pequena como para que o disco, malia iso, pague a pena.
Eles fanse chamar
Drònadár e dedícanse á música folk, ou case. O ano pasado foron os triunfadores do primeiro concurso de maquetas organizado polo
Festival de Mendebala e iso abreulles a posibilidade de gravar
este primeiro traballo, doce temas en total, catro deles instrumentais e os outros oito cantados en euskera. Todos? Non! Un dos temas,
Xandrie, con música de Ivan Allue, alterna con sorprendente eficacia versos en galego e en euskera; da adaptación á nosa lingua das palabras orixinalmente escritas por un tal Shanti Basauri encargouse o dono deste blog co entusiasmo e a pouca présa que o caracteriza. E está mal que eu o diga, pero a combinación non quedou mal de todo.
O CD é unha magnífica demostración das posibilidades deste sexteto. Podía ser mellor, sen dúbida:
Drònadár, nome tamén do álbume, amosa unha lixeira e creo que innecesaria domesticación, feito que se nota sobre todo nalgunha peza instrumental, pero en calquera caso é unha excelente carta de presentación para unha banda que onde debe demostrar o seu poderío é no directo (é obvio que composicións como
Morbihan ou
Galdua naceron para ser desfrutadas ao vivo). O mellor é, para min, o primeiro tema, que seica está soando como "single" nas radios vascas:
Ez dakite, quizá o mais comercial e menos folk pero tamén o mellor construído e que dispón ademais dunha letra francamente brillante e fermosa, un himno urbano e caótico para unha sociedade permanentemente afectada de
jet-lag.
Son conscente de que isto de promocionar aos amigos a quen se lle dá verdadeitamente ben é a
María, mas esta vez tócame a min: fagan o posíbel por escoitar estas cancións, e se queren mercar o disco, perfeito; e se non, non pasa nada, non imos coller perrencha algunha que para iso xa está o
Monstro do Canon.

***
Drònadár está formado por
Ivan Allue (alboka, tin-whistle, ttun-ttuna, gaita(s) e un feixe de cousas mais);
Shanti Basauri (guitarra);
Ricardo Fernández (batería);
Antonio Ortega (baixo);
Marian Palacios (voz e percusión) e
Estibalitz Ruiz (violín e voz).
¶