caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Concha e espiga
> Concha e espiga <

Coa estrea onte de "Binjip" e a presenza aínda en cartel de "As tartarugas tamén voan" os cinéfilos tenhen ocasión de achegarse a ver -e nalgúns casos mesmo desfrutar- os dous trabalhos que recibiron o ano pasado os máximos galardóns dos festivais de Donostia e de Valladolid. Este blog non podía deixar pasar a ocasión de emitir o seu xuízo prudente e asisado sobre ambos filmes.



Vencedora da Concha de Ouro na pasada edición do Festival de Donostia, a iraniano-iraquí As tartarugas tamén voan, dirixida por Bahman Ghobadi, é unha película valiosa, digna e dura polo que ten de reflexo atroz e pesimista das miserias da guerra e da violencia. O filme desenvólvese nunha aldea do Curdistán iraquí nas semanas previas ao derrocamento de Sadam Hussein; preocupados os seus habitantes por recibir noticias dunha guerra que saben próxima, un rapaz, Kak Satellite, instala unha antena desde a cal poderán recibir as imaxes das televisións estranxeiras. Kak é o líder dun gran grupo de nenos aos que coordina en labores diversas como a recolhida de minas que logo serán revendidas. Unha rapaza con intencións suicidas e un mozo mutilado con visións proféticas completan unha película nada cómoda de ver e que non acaba de atopar o equilibrio necesario entre o rexistro lixeiro e inxenuo que predomina en moitos momentos e as atrocidades que asoman ao fondo. As tartarugas tamén voan é a clase de obra que xera aprezo unánime entre a crítica agora mesmo e que estará demasiado esquecida dentro duns cantos anos. Cousas así xa sucederon moitas veces. E se non me cren, repasen as hemerotecas.



Binjip (Ferro 3) obtivo o premio ao melhor director no último Festival de Venecia e uns meses despois a Espiga de Ouro no de Valladolid, erguéndose -hai xente para todo- por riba da grandiosa obra de Wong Kar-wai 2046. Confeso a minha escasa simpatía por Kim Ki-duk, de quen gardaba un recordo tétrico a conta da estúpida Seom e que pretendeu volverse elegante e místico con esa lección de filosofía oriental para occidentais con ínfulas que é Primavera, verán, outono, inverno... e primavera. O ponto de partida de Ferro 3 é francamente suxerente: un mozo que se adica a entrar en vivendas temporalmente desocupadas, vivindo nelas por uns días con total normalidade e até tomándose a molestia de lavar a roupa e reparar toda sorte de aparelhos estropeados que vai atopando. A idea é tan fermosa e baleira como as proprias casas, mas en si mesma é suficiente e a min polo menos chegábame, pois logo todo o que vén é bastante absurdo. Apoiándose en situacións demasiado forzadas e símbolos un pouco simples de mais, o filme caminha cara un final que imaxino debe querer ser moi profundo, case abisal; tanto, que eu non cheguei a entendelo. De feito, eu non lhes sabería dicir despois de vela se o autor, Kim Ki-duk, tinha algo verdadeiramente relevante que contarnos. Intúo que non.

2005-04-17, 00:00 | 6 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/28890

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-04-17 01:40

E o luns, no CGAI, Amarelo manga, un verdadeiro espanto. Pero a noticia da semana en Durán Loriga, 10 non é o cinema brasileiro, senón a visita de Arthur Penn, o venres 22. Con este motivo a semana que vén falaremos aquí e alá de dúas das súas grandes películas, The miracle worker e Bonnie and Clyde.



2
De: alterego Fecha: 2005-04-19 13:17

Estrearon esta semana a nova de Kim Kiduk, Samaritan Girl. Aínda non a vin pero polo que lin semella que retoma o ton de Seom.

saúdos



3
De: María Fecha: 2005-04-20 11:13

Sen que sirva de precedente, concordo punto por punto co seu comentario sobre Ferro 3.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-04-21 04:13

O melhor de Ferro 3 é que o mozo fai nas casas as mesmas cousas que faría calquera de nós: ponse cómodo, quita a roupa, métese na ducha, escoita música... Mágoa que ao final a escaralhase o Kim Ki-duk.



5
De: dorfun Fecha: 2005-04-21 18:12

...pois decidín sacrificar as "tartarugas" por "algo en común", xa que con "entre copas" teño unha relación de desencontros... en calquera caso, penso que está a darse neste país unha sobrevaloración das películas que chegan de oriente... empezaron as de terror e como un par delas cumplían o cometido, agora temos sobredose (remakes incluidos)... extendéndose ademáis a outra temática máis artístico/poética (primavera, verano... ,2046,...)... e a cousa estase a multiplicar agora cos filmes baseados en comics, marvel está a vivir momentos de gloria, mentras os fans agardamos os "sin city" e os "v for vendetta"...



6
De: regueifeiro Fecha: 2005-04-26 18:23

podedes achar un pouco de luz sobre Ferro-3 neste post:

http://www.divxclasico.com/modules.php?name=Forums&file=viewtopic&t=32002&highlight=hierro+3



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley