caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Charles Dickens: A Escravitude
> Charles Dickens: A Escravitude <

Durante os próximos días andarei por Euskadi, así que este blog non se actualizará ate o próximo martes, polo menos. Até entón déixolles cun magnífico texto de Charles Dickens sobre a escravitude que pertence á súa obra �Notas de Norteamérica� (1842). Palabras estas de Dickens cada día mais necesarias nun mundo no que tanta xente parece asumir a miseria allea como un mal menor froito do progreso, un pequeno dano colateral que nos lembra a grande sorte de non termos nacido na parte equivocada do planeta.

Que teñan unha boa fin de semana. Vémonos á volta.

* * * * *

A Escravitude
Charles Dickens

En tres grandes categorías poden dividirse os que en Norteamérica defenden a escravitude (...) O primeiro grupo fórmano certos proprietarios de gando humano ben considerados e que pasan por ser os máis razoábeis, que entraron en posesión do mesmo igual que se fixeron con outras moitas partidas do seu capital comercial, pero que recoñecen a espantosa natureza desta institución en abstracto e que comprenden os danos que provoca á sociedade na que funciona, por distantes que poidan parecer eses danos ou por tardíos que sexan os seus efectos, pero que caerán dun xeito irremisíbel sobre as súas testas culpábeis igual que caerá sobre todos o día do Xuízo Final.

O segundo grupo fórmano todos aqueles proprietarios, criadores, usuarios, compradores e vendedores de escravos que manteñen en propriedade, crían, empregan, mercan e venden escravos até que chegue o sanguento final deste sanguento capítulo; os que negan obstinadamente os horrores do sistema, aínda que lle poñan á vista un feixe tal de probas como nunca se viu reunido sobre ningún outro problema e ao que contribúe a experiencia de cada día dun modo colosal; os que na actualidade ou en calquera outro momento están dispostos a meter alegremente a Norteamérica nunha guerra, civil ou estranxeira, con tal de que esta teña como única finalidade e obxectivo a afirmación do seu dereito a perpetuar a escravitude, a azoutar, a facer traballar e torturar aos escravos sen que ao seu tráfico lle poña freo ningunha autoridade humana nin llo impida forza algunha; os que cando falan da Liberdade entenden con esa palabra a liberdade para oprimir aos seus semellantes e para se comportar dun xeito salvaxe, inflexíbel e cruel; os que son sen excepción dentro das súas terras na republicana Norteamérica mais tiránicos, duros e irresponsábeis que o califa Haroun Alraschid dentro da súa iracunda túnica escarlata.

O terceiro grupo, e non o menos numeroso ou influinte, está composto por refinados cabaleiros que non son quen de aceptar a ninguén por riba deles e que tampouco toleran a un igual; os dunha clase cuxo republicanismo equivale a isto: "Non tolerarei a ninguén por riba de min, e os que están por debaixo deben ter bon coidado de non se aproximar demasiado..." Aqueles cuxo orgullo, nun país no que a servidume voluntaria é evitada como unha deshonra, esixe seren servidos por escravos; aqueles cuxos dereitos inalienábeis non poden prosperar se non é a costa das desgrazas dos negros.

Insístese ás veces en que dentro dos inútiles esforzos que se fixeron para que prosperase en Norteamérica a causa da liberdade humana (tema sorprendente para a Historia!), non se tivo demasiado en conta a existencia do primeiro grupo de persoas (...) O ponto de vista no que polo xeral se colocan estes homes, que entre os defensores da escravitude resultan ser as mellores persoas, é este: "O sistema é malo; pola miña parte, desfaríame del con moito gosto, se me for posíbel. Mas non é tan malo como cren en Inglaterra. Os alegatos dos emancipacionistas confúndenvos. A maior parte dos meus escravos sonme moi queridos. Diredes que eu non consinto que os traten con dureza; ao mesmo tempo, quixera que me contestasedes vós mesmos se credes que tratalos dun xeito inhumano pode ser un costume xeral, tendo en conta que dese xeito perderían os escravos en calidade, o que repercutiría dun modo evidente en contra dos intereses dos donos" (...)

Esta clase de xentes (...), miserábel aristocracia nacida dunha falsa república, alzan as súas voces e exclaman: "A opinión pública basta para evitar que se cometan esas crueldades que vós denunciades". ¡A opinión pública! Mas, nos estados escravistas, non é opinión pública a escravitude? A opinión pública dos estados escravistas entregou os escravos á xenerosa bondade dos seus amos. A opinión pública fixo leis e negou proteción lexislativa aos escravos. A opinión pública ameaza coa morte aos abolicionistas de se arriscaren estes a viaxar polo Sur, e foi capaz de arrastralos cunha soga na cintura polas rúas da cidade mais importante do Leste, sen arroxar coa vergoña, en pleno mediodía. A opinión pública, aínda non hai moitos anos, foi capaz de queimar vivo e a lume lento a un escravo; e a opinión pública sostivo até hoxe mesmo na súa cadeira ao honrado xuíz que mantivo ante o xurado reunido na sala para xulgar aos asasinos dun negro que aquel acto horrendo era simplemente unha demostración da opinión pública, e que polo tanto non podían ser aqueles homes castigados polas leis que o sentimento público dictara. A opinión pública aplaudiu esta doctrina cun balbordo de aplausos salvaxes e puxo en liberdade aos acusados para que se paseasen pola cidade coas mesmas prerrogativas de homes notábeis de influencia e de posición que antes tiñan.

. . .

Os anuncios que copiamos a continuación son uns poucos exemplos dos que aparecen nos xornais. O mais antigo de todos non ten mais de catro anos; os demais, semellantes a el, seguen aparecendo todos os días a feixes:

"Fuxida, a negra Carolina. Tiña un colar cunha púa volta para baixo"

"Fuxida, unha muller negra chamada Betsy. Tiña unha barra de ferro na súa perna dereita" (...)

"Fuxido, un rapaz negro duns doce anos. Tiña arredor do pescozo un colar de can coas palabras "De Lampert" gravadas no mesmo"

"Fuxido, o negro Hown. Ten no seu pé esquerdo un aro de ferro. Tamén Grise, a súa muller, que ten un aro e unha cadea na perna esquerda" (...)

"Fuxidos unha muller negra e dous nenos. Poucos días antes marqueinos co ferro quente na meixela esquerda. Quixen gravar a letra M" (...)

"Vinte e cinco dólares de recompensa polo meu home Isaac. Ten unha cicatriz na fronte que lle foi producida por un golpe, e outra no lombo producida por un tiro de pistola" (...)

"Fuxida, a moza mulata Mary. Ten un corte no brazo esquerdo, unha cicatriz no ombreiro esquerdo e fáltanlle as dúas pas da dentadura superior"

(Quizá debera dicir para explicar este último extremo que entre as demais bendicións que a opinión pública reserva aos negros está a de golpealos violentamente nos dentes. O de cargalos con colares de ferro de noite e de día, o de azuar aos cans contra eles, son prácticas demasiado habituais para que merezan destacarse.)

(...) Podería estender este catálogo con brazos rotos, pernas rotas, carne arrancada, dentes saltados, lombos lacerados, mordeduras de cans e infinitas marcas feitas con ferros candentes; pero como os meus leitores estarán xa bastante anoxados e cheos de repugnancia, pasarei a outro aspecto do tema.

. . .

É que non sabemos que os homes que naceron e se criaron entre as inxustizas da escravitude, os que viron na súa nenez como os maridos azoutaban ás súas mulleres, como as mulleres eran obrigadas a erguer as roupas dun xeito indecente a fin de que os homes descargasen os lategazos mais fortes nas súas pernas, ou eran arrastradas e acosadas por capataces brutais durante as horas de traballo até o ponto de parir en pleno campo, baixo os efectos do mesmo látego; os que na súa xuventude leron e viron ler ás súas irmás virxes as descricións dos negros e negras fuxidos con detalles dos seus corpos desfigurados que non se consentirían en ningún outro país, de tal ou cal rabaño de escravos vendidos nunha granxa, ou nunha exposición de animais... é que non sabemos que esa clase de homes teñen por forza que se converter en salvaxes e brutais nos momentos nos que se acende a súa ira? É que non sabemos que o home que na súa vida doméstica é un covarde, que se pasea maxestoso co látego pesado na man por entre os seus escravos e escravas acovardados, será tamén un covarde fora da súa casa e levará agachadas no peito armas proprias de covardes, e que cando se meta nunha pelexa acabará facendo uso delas para derribar a balazos e navalladas aos demais? (...) É que imos escandalizarnos polas lendas dos suplicios que se infrinxen os indios paganos e non diremos nada das crueldades de xente cristiá? É que mentres dure tal estado de cousas estaremos felices de que fiquen aínda uns restos esparexidos desa raza e celebraremos que os brancos disfruten das súas posesións? Pola miña banda, preferiría que se volvese restaurar o bosque e a aldea india, que en lugar das estrelas e as barras flote na brisa algunha pobre pluma, que as rúas e prazas sexan substituídas polas casas dos peles-vermellas; aínda que resoe no ar o himno de morte dun cento de altivos guerreiros, sempre será música agradábel comprada co berro de dor dun escravo.

2005-03-17, 01:00 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/28220

Comentarios

os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley