Seguro que o leron
na prensa deste luns, aportando un pequeno alento de ledicia despois da terrível traxedia do
tsunami: tal día coma hoxe de hai cen anos representábase por primeira vez en Londres a obra
Peter Pan, or The Boy Who Wouldn't Grow Up, escrita por James Barrie. O personaxe de Peter Pan, contodo, xa era conhecido. Apareceu un par de anos antes en algúns capítulos doutro livro do autor,
The Little White Bird, que foron logo reeditados baixo o título
Peter Pan in Kensington Gardens. En 1911 publicou unha segunda novela sobre o personaxe,
Peter Pan and Wendy, que é a que acaba por construír o mito de forma definitiva. Esta variedade de fontes fan que non sexa descabelado dicir que
Peter Pan é o clásico da literatura infantil
menos lido, e en xeral, tamén o
peor lido. Non é imposível de atopar nas livrarías, mas tampouco é fácil, ou polo menos non tanto como a súa xigantesca popularidade faría pensar. Coma en moitos outros casos, a fama de
Peter Pan nace non dos textos orixinais, senón de filmes e versións teatrais que simplifican a trama converténdoa nunha papa inofensiva e politicamente correcta.
Mais fascinante que o personaxe resulta o proprio autor, e en particular o xeito en que creou a obra que o fixo célebre. James Barrie inventou
Peter Pan para entreter aos filhos da súa amiga Sylvia Llewelyn-Davies, da que estaba secretamente namorado. James casara en 1897 cunha actriz chamada Mary Ansell, mas o matrimonio foi un absoluto fracaso e mesmo hai quen cre que nin sequera chegaron a manter relacións sexuais. Divorciáronse en abril de 1910; catro meses despois desa data Sylvia, que daquela xa estaba viúva, morre dun cancro. James Barrie é designado tutor dos cinco filhos da parelha e na práctica acaba exercendo de verdadeiro pai. Tres deles acabarían tendo un final ben triste: George morreu na guerra en 1915, e Michael, o seu favorito, afogouse xunto ao seu melhor amigo en 1921 no que algúns pensan que puido ser un suicidio. Moitos anos despois e xa morto Barrie, en 1960, foi Peter, o mediano da familia e que deu nome á criatura literaria, o que se matou botándose á vía dun tren. Pechábase así o círculo da traxedia que para James Barrie empezara moi cedo, pois toda a súa infancia estivo marcada pola morte dun irmán e a depresión que iso provocou na súa nai, coa que mantivo unha relación algo obsesiva. A necesidade de amor e o medo a perder o afecto dos que nos queren é, de feito, un dos temas fundamentais dos livros de
Peter Pan, que sen dúvida reflicten a propria inseguridade do autor, un home sempre na procura dunha felicidade que xamais chegou a conseguir. A vida rematou para el en 1937, deixando estabelecido no seu testamento que os dereitos da súa obra fosen para o
Great Ormond Stret Hospital, adicado ao coidados dos nenos enfermos.
¶