
Hai tres razóns fundamentais para achegarse até A Coruña: o mar, os
museos científicos, e outra mais da que
non me lembro. Tres son tamén os museos científicos, coma quizá saiban: a
Casa das Ciencias, a do
Home e a dos
Peixes, e os tres levan ese sobrenome de
"casas" que en verdade acáelles moi ben pois así é como deben sentirse neles os visitantes. Porque un museo, sexa cal for, non debe construirse xamais cunha paranoica obsesión didáctica, enchendo salas e mais salas con contidos desmesurados que poden acabar atrapallando ao visitante. O coñecemento é unha porta que se abre diante nosa, nunca unha porta que pecha; non podemos ficar paralisados coa sensación de que as cousas escapan á nosa comprensión porque non hai nada que non poidamos entender suficientemente se hai alguén capaz de explicárnolo. O coñecemento, por outra parte, non pode retroalimentarse a si mesmo: aprender algo non pode servir tan só de alicerce sobre o cal mais adiante se edificarán conceptos mais complexos pero aparentemente afastados da nosa vida cotiá. Todo o que se aprende debe ser útil
per se, non tanto porque vaia ter unha aplicación inmediata e concreta, senón por algo mais profundo e complexo: porque nos serve para entender mellor o mundo que nos rodea, facéndonos mais críticos e escépticos e contribuíndo a que nos alonxemos dos
dogmatismos desde a certeza de que a dúbida é o maior motor de creación humana. As diferentes expresións do coñecemento, ademais, non son restrictivas, non deben gardarse en compartimentos estancos sen conexión posíbel; antes polo contrario poden ir da man como as cereixas nos cestos, turrando unhas das outras até conformar unha suxerente e ilimitada rede de ideas que debe ter como principal obxectivo a consecución dun mundo
en paz e xusto no que todos os cidadáns teñan as súas necesidades básicas cubertas. Quizá a algún esta frase poida parecerlle un chisco esaxerada, mas para min resulta obvio que ese é o único obxectivo lexítimo do esforzo humano en calquera campo.
Neste
modesto labor andan ocupados os museos científicos da Coruña vai camiño xa de vinte anos, desde aquel mes de xuño de 1985 en que se abreu ao público a Casa das Ciencias. Acaba de inaugurarse alí unha exposición sobre a
memoria, adaptada
doutra orixinalmente desenvolvida polo
Exploratorium de San Francisco, o que pasa por ser o mellor museo científico do mundo. Nada de explicacións fisiolóxicas, por suposto; do que se trata é de xogar por medio de diferentes actividades coa nosa capacidade para lembrar cousas a curto e longo prazo, para recoñecer imaxes, sons e rostros ou para diferenciar olores e sabores, analisando así os procesos polos cales facemos uso das informacións almacenadas a partir da experiencia. Imprescindíbel, coma case sempre, esta exposición sobre a memoria serve de apertura a un ano, o 2005, que promete estar cheo de acontecementos interesantísimos.
¶