caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O caso de Mary Furley
> O caso de Mary Furley <

No "último cuarto" de The Chimes, o fermoso segundo libro de Nadal escrito por Charles Dickens, o protagonista Trotty ten unha visión atroz que está claramente inspirada no caso de Mary Furley, un suceso que conmoveu á sociedade inglesa daquel tempo. A historia acontece no ano 1844, e comeza cando Mary Furley marcha do asilo de Whitechapel no que vivía fuxindo dos malos tratos que recibía alí o seu fillo. Unha vez fora intenta gañarse a vida remendando camisas, pero como ese traballo non lle permite obter mais que unhas poucas moedas ao día opta por pedir prestado cartos para mercar material co cal facer tocas e poder logo vendelas. A desgraza cébase con ela: róubanlle eses cartos e, chea de desesperación e farta da súa vida de miseria, decide suicidarse xunto ao neno botándose ao río Thames. Calquera cousa antes que volver ao asilo. O seu intento fracasa: alguén vai tras deles e consegue sacalos da auga, mas infelizmente para daquela o cativo xa está morto. Mary Furley é entón detida e xulgada, e acaba por ser condenada á morte por infanticidio o 16 de abril de 1844; o xuiz que emite a sentencia dille explicitamente que "o acto, que en calquera caso sería cruel, é mais cruel aínda polo feito de que o crime cometeuno vostede, a nai do neno".

A resposta non se fixo agardar. Desde o The London Times culpábase á Lei de Pobres de que unha "pobre criatura" coma ela "chegase ao mesmo borde da loucura", mentres o Lloyd's Weekly iniciaba unha petición para rebaixar a condena. A sentencia á morte foi finalmente conmutada por sete anos de deportación. A un home xusto e xeneroso coma Dickens isto tampouco podía parecerlle dabondo, e en maio dese mesmo ano escribiu para o Hood magazine un texto titulado Threatening letter to Thomas Hood from an ancient gentleman (Ameazadora carta dun ancián cabaleiro a Thomas Hood) no que ironiza con amargura sobre a severidade do trato dado a Mary Furley:

...Ese xuiz é o que xulgou en días pasados a esa muller revolucionaria que, malia ter traballo de sobra (cosendo camisas a tres medios peniques a hora), non sentiu o orgullo patriótico e, pois lle sobraban os seus fáciles ingresos, tomou deslealmente a resolución de tirarse ao río co seu fillo pequeno; e ese xuiz maravilloso, levando o seu deber até o exceso... moito mais alá do que era a súa obriga, si, señor, condenouna á morte inmediata, e advertiuna de que non gardase esperanza de perdón neste mundo. Podédesvos cerciorar diso simplesmente lendo os xornais do mércores 17 de abril. Sei perfeitamente, señor, que a súa sentencia non será confirmada, seino perfeitamente; mais paga a pena lembrar que as súas palabras foron levadas a todas as cidades industriais do reino, e que foron lidas en todos os salóns políticos, cervexarías, salas de noticias e lugares de reunión, públicos ou secretos, que frecuentan os traballadores descontentos. E que aínda dando por suposto que o Executivo rebaixará con debilidades o viño, xa ninguén poderá borralas. Grandes fazañas coma esta, señor Hood, son postas a bon recaudo, e non se esquecen. O público, na súa gran maioría, e en especial os que desexan a paz e a conciliación, fican universalmente agradecidos. Se a fazaña de converter o Thames nunha fogueira está reservada para alguén, con certeza ese é el; a dicir verdade, e según me contan, xa unha vez estivo preto de realizala".

2004-12-16, 01:00 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/24419

Comentarios

1
De: peke Fecha: 2004-12-19 01:40

Coñecía a historia. Estarrecedora coma tantas da época victoriana. Cambiamos pouco dende entón.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley