caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > 2046
> 2046 <



2046 ten un único defecto: é inhumanamente boa. Gostaríame poder odiala e desfacerme dela para evitar a necesidade de seguir atado para sempre á sua beleza, como facía Patricia Neal con aquela estatua nunha memorábel escena de The fountainhead, mais sei que non vai ser posíbel. Wong Kar-wai déixanos sumidos nun profundo estado de conmoción, abrumados pola inesgotábel colección de ideas e de emocións que se acumulan nesta nova obra mestra.

"Para min 2046 é un estado mental ao que acudimos cando queremos recuperar o que perdemos, cando tratamos de conservar non só a persoa ou o tempo deixados atrás, senón tamén o momento e a atmosfera. Sería polo tanto unha especie de utopía, algo que non existe. Case un paraíso perdido. 2046 non alude a unha data ou a un lugar do futuro, senón que trata do agora, de por qué experimentamos mais intensamente o que tivemos no pasado que o que nos rodea no presente". É o propio Wong Kar-wai quen nunha entrevista concedida ao crítico Carlos F. Heredero define mellor que ninguén a extraordinaria experiencia que supón o seu filme. Cho Mo Wan, o escritor que encarna o formidábel Tony Leung e ao que xa viramos en In the mood for love, segue aferrado ao recordo de Su Li Zhen, aínda que o agacha baixo unha máscara de cinismo e despreocupación. Insiste en se mostrar invulnerábel ante todas as mulleres que se cruzan na súa vida, refuxiándose nun ideal imposíbel que o enche por completo e que o incapacita para amar de verdade. En case todos os personaxes de 2046 se rastrexa ese elemento rosaliano da saudade pola dor e un certo acomodamento na nostalxia e na tristura, como se soubesen que non poden nin merecen atinxir a felicidade. Gardan para si o segredo da súa amargura, que se pega como unha luva á súa pel condenándoos á soidade que anuncian uns naipes en Singapur. Wong Kar-wai cria imaxes de hipnótica fermosura que nos descobren o romanticismo sacrificado e poético de Faye Wong, repasando incansabelmente as palabras e frases en xaponés que a unen ao home que ama; a paixón de Zhang Ziyi, entregada ao xogo auto-destrutivo de aparentar que ao igual que o escritor ela tampouco está dominada pola tiranía dos sentimentos, e con ese apontamento schnitzleriano de recompensar con cartos os seus encontros sexuais; e, por último, o muro de misterio e austeridade de Gong Li, a araña negra na que Cho Mo Wan reflicte a súa incapacidade para superar o pasado. E, ao fondo, a fascinante Maggie Cheung, a dama que con mais elegancia camiñou nunca por un ecrã.

2046 é hiperbólica e arrebatadora, un fenomenal derroche de enerxía criativa por parte dun xenio fora de escala. Gañará cos anos, a medida que o cine e nós mesmos nos volvamos mais sabios.

2004-11-28, 01:00 | 8 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/23682

Comentarios

1
De: AdamastoR Fecha: 2004-11-28 14:22

Num semanário tablóide português pseudo-intelectual de direita, o crítico de serviço chamava ao artigo sobre 2046 "Disponível para Dormir" e começava-o deste forma singela "Este filme é uma merda".
Depois da irritação inicial [deitei, de imediato, o suplemento em causa para o lixo], pensei que é bom poder ter filmes assim bonitos, que causam inveja e que nem todos compreendem. De Wong Kar-Wai ninguém fará um fenómeno popular mainstream, roubado pela Hollywood das sequelas, dos efeitos-especiais e dos lugares-comuns.



2
De: María Fecha: 2004-11-28 15:52

Debo ser eu a única persoa que coñezo que non lle parece para tanto 2046?

Argumentos non teño moitos. Visualmente si, moi bonita e moi moderna. Acústicamente vale, a banda sonora xa é un clásico. Pero a inclusión de boleros é un efecto cool-retro que a min particularmente rállame e que xa utilizou Almodóvar (non é a única similitude que lle atopo).
Do resto basicamente é que non entendín moito. Unhas chinesas moi guapas e completamente sumisas a ese varon-dandy xa clásico e que a moitos lles gustaría chegar a ser, unha visión idealizada e tópica sobre o amor e o sufrimento que non aporta nada novo... mais iso é o de menos, o malo é que saín do cine igual de fría que entrei ou máis.

Iso si, cando saia o DVD capturarei uns fondos de escritorio moi fermosos.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-29 00:10

E que ben choran todos no filme, verdade?

Ben, todos non. Tony Leung NON chora, xamais.



4
De: María Fecha: 2004-11-29 09:53

Esquecín dicir que 2046 foi o meu primeiro Won-Kar-Wai chispas (quitado medio happy together que quedou en medio por culpa dun DivX en mal estado), polo cal non estou inmersa no mundo do autor como están vostedes, e comprendo que haberá moitas claves ocultas para alguén virxe coma min no seu cine.

Como espectadora virxe, pois, foi unha película que non me tocou onde me tiña que tocar. Tamén é certo que ultimamente a glándula da sensibilidade non me traballa moi alá. Ou que simplemente non tiña o día. Pillarei (levo anos intentándoo) In the mood for love, dáme que me vai gustar algo máis.



5
De: Cesare Fecha: 2004-11-29 20:01

A min flipoume... pero Happy Together paréceme unha tabarrada. Así que se cadra é que a primeira peli nunca gusta (agás a Pawley, claro).



6
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-29 21:39

Das de WKW, eu non gostei nada de Ashes of time. Eu empecei polo final: a primeira que vin foi In the mood for love, e logo dei con Happy together e Chunking Express, tres obras excelsas.
Unha tabarrada, Happy together? Você delira, Cesare! Terá febre?



7
De: Vendell Fecha: 2004-12-01 00:48

Pawley, gracias. Esa película e marabillosa.



8
De: Xosé Antón Fecha: 2005-01-08 15:26

Vin 2046 o fin de semana pasado en Pontevedra abrumado polas marabillosas críticas e sinto dicir que me aburriu moitísimo. Coido que o 2046 fai referencia ás veces que bostecei. Definitivamente non son cinéfilo.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley