caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Bazonga, substrato e balas (endogamic days, 5)
> Bazonga, substrato e balas (endogamic days, 5) <

Díxeno xa varias veces: hai blogs bons, regulares e malos, pero só uns poucos son verdadeiramente imprescindíveis, e o bazonga da kilumba é un deles. Pola súa vocación abertamente lusófona, tan afastada da visión estreita e cativa que algúns tenhen tanto ao norte como ao sur do Minho. Por ocuparse da África, cousa esta tan infrecuente neste mundo da rede no que tantas parvadas intranscendentes se difunden con velocidade supersónica mentres outras cuestións que deberan ser esenciais caen no mais absoluto esquecemento. Por facelo fuxindo do tono paternal que ás veces caracteriza a algúns colectivos por outra parte cheos de boa vontade, xa que o "bazonga" apostou sempre pola crítica cargada de ironía e de intelixencia. Escribín isto hai uns meses para celebrar o primeiro aniversario dun dos meus bilongos favoritos, frecuentemente citado nestes días estranhos. O bazonga é un dos dez blogs finalistas na categoría melhor innovación dos premios que outorga a Deutsche Welle. Son os leitores os que deciden quen é o ganhador; vostedes tamén poden participar, votando polo melhor neste enderezo. Vaian os meus mais efusivos parabéns para o trío de bazongueiros, o monstro horrendo Adamastor, BeZiDrÓgLiO e Mussele.

O AdamastoR mantén, ademais, outro blog extraordinario, o Substrato. O seu subtítulo, loucura corrosiva e protesto delirante, xa nos dá algunha idea do que nel podemos atopar. O Substrato está cheo de noticias que non soen aparecer polos xornais, de obxectos estranhos e de mobiliario imposível, de banda desenhada e de músicos, artistas e cineastas polo común ausentes das listas de éxitos. Ou sexa, un feixe de cousas interesantes, sempre analisadas cun teórico distanciamento no fondo inzado de ironía e cepticismo.

Uns centos de kilómetros mais ao norte imos ao encontro de As túas balas, con certeza o melhor blog escrito en lingua galega, o que equivale a dicir un dos melhores blogs, en xeral. O de Cesare é unha sorte de caro diario impúdico e xenial, construido con enunciados lixeiros que nacen da súa asombrosa capacidade para reducir a unhas poucas frases emocións e pensamentos complexos, todo o contrario desa prosa sonajero da que tanto gostan por aí adiante. Cesare enche os seus posts con ligazóns non sempre necesarias, mas con frecuencia moi afortunadas, sacando un proveito enorme das súas ousadas asociacións. Vexo evidente que o hipertexto acabou por se converter nun recurso de estilo específico, de tal xeito que a conexión acertada dun vocábulo cun determinado enderezo da rede permítenos crear metáforas que escapan lonxe do papel e do ecrã. Podemos combinar palavras, imaxes e referencias que se mesturan entre si creando suxerentes estruturas non sometidas á tiranía do negro sobre branco; níveis expresivos novos que coma os obxectos fractais acadan non mais dimensións, senón dimensións intermedias.

As túas balas é un blog aberto, sen límites ben definidos e que xoga a parecer inxenuo, como se os textos caísen nel coa mesma falta de pretensións coa que escorregan as pingas de auga polos cristais. A difícil simplicidade de mirar para un mesmo desde fora, iso que algúns chaman literatura.

En anteriores entregas dos endogamic days:

Javier Armentia - Vendell - Martin Pawley - Brasil

2004-11-18, 01:00 | 12 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/23300

Comentarios

1
De: AdamastoR Fecha: 2004-11-18 21:30

Imprescindível é ter amigos como tu, porque já não os há.



2
De: Jaio la espía Fecha: 2004-11-19 01:51

Cuidado AdamastoR que el señor Pawley, encima, se siente orgulloso de sus afectos. De la que se descuida, se siente orgulloso de usted y a ver cómo lo arregla después. :P



3
De: JTF Fecha: 2004-11-20 01:27

Também eu gosto muito do Bazonga! Outro blog muito interessante sobre África é o Africanidades (http://africanidades.blogger.com.br). Dá uma perspectiva diferente: a de um português a viver em Bissau. Tem histórias incríveis! Recomendo vivamente!



4
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-20 02:56

JTF, concordo con você: Africanidades é un blog magnífico, que visito con moita frecuencia. Hai uns meses mesmo lhe pedín ao seu autor, Jorge Neto, que escribise un pequeno texto de presentación para eu publicalo aquí, nos días estranhos. O Jorge aceptou encantado, e mesmo acrescentou a súa colaboración cunhas maravilhosas fotos. Poden ler o seu fantástico post, Magia africana, neste enderezo.



5
De: Cesare Fecha: 2004-11-20 16:11

arrediós!!!
sabe que discrepo, verdade?



6
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-20 16:15

Ben, Cesare, pode discrepar você canto desexe, mas aquí o crítico son eu.

Que digo crítico! Eu son o antoniogassett nacional, non si? ;-)



7
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-20 16:22

Por certo, neste momento preciso é imposível entrar no bazonga e no substrato: Blog-city is down for maintenance. A hacker has effected a number of blogs and we are in recovery mode. Please accept our apologies for the delay we shall be back shortly. Isto faime lembrar que tres dos catro blogs brasileiros que comentei na anterior entrega dos endogamic days fecharon unhas semanas despois de eu citalos.

Afortunadamente eu non son supersticioso.



8
De: peke Fecha: 2004-11-20 20:48

Asegúrolle, Martin, que como as balas peche, capaz son de ir a Pacoland e botarlle un feitizo dos máis chungos. Avisado queda. ;)



9
De: Cesare Fecha: 2004-11-20 21:11

jajajajajaja
ben. discrepando en todo con martin e incluso con peke, teño que recoñecer que nun día chungo coma o de hoxe ler estas cousas ben moi ben.



10
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-21 16:50

Discrepa en todo, Cesare? Non gosta você do bazonga? :-)



11
De: Cesare Fecha: 2004-11-21 18:43

jajajaj, referíame ao último comment. Abofé que gusto do bazonga.



12
De: Martin Pawley Fecha: 2004-11-24 04:15

Ah, ben. Non agardaba menos de você. :-)



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley