21-O
Dentro dunhas semanas saberemos quen é a persoa ganhadora do V Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, pero até que chegue esa data os organizadores do premio prepararon un par de actos cos que entreternos a espera. Para empezar, este próximo
xoves 21 de outubro ás 20.30 teremos o privilexio de asistir na Biblioteca da Deputación, no edificio do Teatro Rosalía de Castro, a un acontecemento ben fermoso: a leitura de fragmentos das súas próximas obras por parte de tres escritores que
levaron o premio en anteriores edicións, Agustín Fernández Paz, Antonio Reigosa Carreiras e Mario Pereira Fernández. Estarán acompanhados por tres magníficos ilustradores aos que veremos trabalhar ao vivo creando as súas fermosas estampas: Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez e o excepcional Xosé Cobas, o outro responsável
do livro mais fermoso que apareceu no 2004.
Por se isto non lhes parece dabondo, unha semana despois, o
xoves 28 de outubro, Gustavo Martín Garzo lerá no mesmo recinto unha conferencia con certeza imprescindível titulada
H. C. Andersen: o que garda un chícharo. Como ben saben os que gozaron de
La princesa manca Gustavo Martín Garzo si que é un escritor de verdade, a diferencia do
Juan Manuel Beata ese.
Boas deberan ser as súas excusas para non viren a estes dous actos.
13-N
Xa case pasaron dous anos e seguimos onde estabamos, como ben reconhecía o editor da
Voz de Galicia nun
estupendo artigo hai uns días. Enchéronnos de punta a punta o país de chapapote e a experiencia serviulhes para hoxe disponhermos dos mesmos medios cos que enfrontarnos aos frecuentes desastres no mar que tinhamos daquela. As reivindicacións feitas entón seguen sendo válidas e tamén o son aquelas palavras coas que saímos á rúa tantas veces:
Nunca máis. Por iso é que para o vindeiro domingo
13 de novembro, aniversario da traxedia, está convocada unha grande manifestación en Santiago de Compostela, seguida logo por un festival coa colaboración da xente de
Burla Negra, porque se algo constatamos a forza de manifeirar é a importancia de non perder xamais o bon humor.
Suponho que por alí andará boa parte do blogomilho, así que se alguén quere aproveitar a ocasión e facer xuntanza, que o diga agora ou que cale para sempre.
¶