O Kursaal. Durante nove días, o meu fogar, coma quen di.
O Kursaal, por dentro. Na mesa azul recolhiamos os auriculares para a tradución simultánea durante as roldas de prensa; servidor descubriu que entende máis inglés do que pensaba, en particular se ten moito interese en quen fala. Ao fondo, á esquerda, os caixeiros onde cada día recibiamos a documentación promocional dos diferentes filmes, fosen cutres fotocopias do excelso catálogo do Festival que por certo xa todos tinhamos ou ben sofisticados e fermosos "press books" coma o de "Diarios de motocicleta", case tan espléndido como a película á que se refire.
Os momentos previos á rolda de prensa de Woody Allen. Acababamos de ver "Melinda e Melinda", a súa melhor película en varios anos. Woody estivo tan simpático e lúcido como era de agardar. Exibición de sabiduría fixeron tamén en días posteriores Claude Chabrol e John Sayles, outros dous xenios que pasaron por Donostia.
O Hotel María Cristina, onde todos quixeramos ser convidados algún ano. Aí residen as grandes estrelas que visitan o Festival, pero tamén os cineastas que presentan película no certame. Cada día dabásenos información detalhada das horas de chegada de todos eles ao hotel, para felicidade dos fotógrafos e os cazadores de autógrafos.
O teatro Victoria Eugenia, sé histórica do festival, agora en reformas para recuperar o velho esplendor.
O Teatro Principal, lugar de proxección de boa parte dos pases de prensa vespertinos. Aquí vin xoias como "Vera Drake", "Comme une image" ou "Xénese", pero tamén cousas tan prescindíbeis como a "Carta dunha mulher desconhecida" que acabou metendo inexplicavelmente o fucinho no palmarés. O bar de pintxos que está xusto enfronte (se alguén lembra o nome, que mo faga saber) acabou convertíndose en cita diaria obrigada.
Sobre a praia da Kontxa, un paseo marítimo para os que odiamos os paseos marítimos (en particular o da Curuña).
Cámaras preparados para cubrir a leitura do palmarés. Primeiro, os premios paralelos, na voz da esplendorosa Edurne Ormazabal e de Jesús Torquemada, responsável do (magnífico) catálogo e analista de política internacional (o melhor do mundo a dicir de Jaio la espía; dou fe de que el tamén manifesta por ela grande estima). Logo anunciou os seus galardóns o xurado de "Nuevos Directores", do cal formaba parte Mariasun Landa, escritora excepcional coa que queda pendente a conversa que as nosas axustadísimas axendas foron adiando xornada tras xornada. Un encontro urxente entre premio e premio permitiume, polo menos, ter a satisfacción de intercambiar unhas palavras coa xenial autora de "Un crocodilo debaixo da cama", xusto antes de que Mario Vargas Llosa dese a conhecer a aqueles que non o sabían o nome do vencedor da Cuncha de Ouro. O enviado de Vieiros sabíao xa un par de horas antes grazas a un sacrificado trabalho de investigación consistente en pasear polos arredores da Kontxa.
Asistir ao Festival de Cinema de Donostia foi un xigantesco pracer. Facelo en nome de Vieiros, escribindo crónicas a diario para este xornal, un honor do que me sinto enormemente orgulhoso. Vaia desde aquí o meu agradecemento inmenso ao director, Anxo Quintela, pola oportunidade que me concedeu, e moi especialmente a Xabier Cid polo apoio e entusiasmo que amosou desde o primeiro momento.
Agur, Donostia. Xa falta un día menos para volver.
¶
O nome deste post é moi woodyalleniano, en especial se substitúen "images" por "sounds". Imaxino que alguén se decataría de que os títulos das crónicas en "Vieiros" (excepto a primeira e última, esencialmente informativos) tenhen un evidente eco cinéfilo. Non si?
Pawley, non se crea nada do que lle diga Anxo, que a min xa me levan prometida esa cea dende hai moito tempo e ninpadiós. Inda imos ter que organizala os colaboradores pola nosa conta e logo pasarlles a ídem a Vieiros... ;)
Eu tamén amo esa cidade... Por certo, falando de inglés, en "Images from a town I love" non falta algo? É igual, porque pode vostede estar seguro de que de calquera cousa pode saber máis ca min, pero moi especialmente de inglés.
Fun feliz de sabelo a vostede en Donosti facendo o que máis lle gusta: ver cinema e falarnos do que viu. Alégrome especialmente que fose ao abeiro de Vieiros, o único xornal galego que, na altura, temos.Cando as viaxes e obrigas mo permitan tomaremos unha gaseosa para que me conte.
A ver, Anxo, que quede ben claro: eu por unha cea trasladome a onde faga falta :-)
Mifune, Cannes estaría ben, si. Berlín tamén, e ademais é menos desmesurado. Aínda que eu son de bon conformar, así que ¿que tal unha escapada a Valladolid ou ao de Gijón de novembro/decembro? ;-)
Villarraso: vai acabar você con toda a toponimia chairega, a este paso. Contareilhe todo polo miúdo, pero pregúntelhe tamén a Mariasun, que a súa experiencia foi ben intensa (quizá demasiado) e ha de ter moito que contar...
mallante: insisto, para min foi un pracer escribir en Vieiros. De feito, non cren vostedes que a ese magnífico xornal non lhe viría nada mal un crítico de cine? ;-)
Todas as roldas de prensa do Festival de Donostia poden verse desde a web oficial. Nunha delas até saio eu mesmo preguntando, pero non lhes direi en cal, aínda que os máis atentos ás crónicas de Vieiros poderían deducilo facilmente.
Agora que xa pasou unha semana (e que empezo a ter saudades de Donostia... snif) é un bon momento de lembrar que ese imprescindível certame de cine, un dos catro grandes xunto aos de Cannes, Berlín e Venezia, contou coa asistencia de dous, exactamente dous, representantes da prensa escrita de Galiza: este que lhes fala, e José Luis Losa, a melhor razón que hai para ler El Correo Gallego. Por parte da TVG, outros dous, Ramón Pérez Lemos e Izaskun Bernedo Olano. Revisando a extensa lista de acreditados atopo tamén o nome de Mónica Bugarín, da Radio Municipal de Tui. E iso é todo, ao parecer.
La Voz de Galicia? O Faro de Vigo, quizá, cubrindo o Festival de paso para La Opinión de A Coruña? El Progreso, Diario de Pontevedra, La Región, El Ideal Gallego, sós ou en companha doutros? A Nosa Terra, xa postos? Pois non, non. O cinema non é noticia, seica, ou polo menos, non unha noticia comparável ao fúmbol. Woody Allen e Anette Benning, quizá, pero para iso xa está a axencia Colpisa.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.