Lixeiramente sacudido pola lúcida abstinencia da
melhor prosa de Blogalia, entrégome hoxe á feliz iniciativa de relatarlhes a serie de livros de próxima leitura que vou apilando no chan nunha columna xa con discutível estabilidade.
Empezo polo final, por dous que hei devolver a semana que vén na
biblioteca.
Una temporada de machetes, de Jean Hatzfeld (Ed. Anagrama), reconstrúe a terrível primavera do 94 en Ruanda con entrevistas a algúns dos asasinos que participaron da masacre. Áspero e cheo de parágrafos de aplastante sinceridade, o livro é un fascinante paseo polo horror que nós os ricos ignoramos no seu día con inconcevível desprezo, só comparável ao que amosamos agora polas
vítimas de Darfur. O outro volume é
Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras (Ed. Xerais); acabarei de lelo nos próximos días, pero seguramente non me ocuparei del no blog porque non vexo necesidade de falar mal do trabalho de alguén que seguramente ha de ser boa persoa.
Leonor Combing déixame
El libro de las preguntas, de Edmond Jabes (Ed. Siruela), prosa poética de alta densidade coa cal disfrutar lonxe da area; e o
Ulysses de James Joyce editado por Penguin, do cal hei de ocuparme un pouco que para iso fixen até un
blog específico. Dobre leitura, en ingles e en español, que nun caso coma este resulta case imprescindível.
Genoma, de Matt Ridley (Ed. Taurus), saqueino hai uns días da casa de
Ender, entre chupito e chupito de licor café.
Vendell regaloume hai uns meses
Masa y poder, de Elias Canetti (Alianza Editorial), ensaio-tocho que vou lendo de xeito deliberadamente desordeado e ao cal dareilhe o bocado definitivo durante o verán. Antes hei de acabar
Round midnight (Da Capo Press), a biografía de Miles Davis escrita por Eric Nisenson que lhe colhín prestada alá polo outono. Regalo doutro amigo é
Vida, naturaleza y ciencia: todo lo que hay que saber, de Detlev Ganten, Thomas Deichmann e Thilo Spahl (Ed. Taurus), que responde ao absurdo e maravilhoso intento de abarcar boa parte do saber científico en menos de 700 páxinas. Indispensável para aqueles que gostamos de facer listas e cánones.
Ganhei do
Xabier Entre paréntesis, de Roberto Bolaño (Ed. Anagrama); nada conhecía do xa falecido escritor chileno, pero o seu entusiasmo pola poesía de Nicanor Parra fai que sinta inmediata simpatía por el. Fico tamén á espera de que os de
Biblos manden o meu pedido canicular, co talento de Mia Couto espalhándose polos vinte e nove contos de
O fío das missangas.
E algo de Dickens, claro, o meu centro de gravidade permanente, aínda que tenho a certeza de que a leitura mais útil das vindeiras semanas vai ser a do
Relatório sobre o Desenvolvimento Humano 2004, que cada ano certifica o afortunados que somos por ter nacido nesta parte do mundo e non en Serra Leoa, por exemplo.
hoxe hai un ano: ene-agá (III)
¶