O excelente artigo de
Nieves Gordón e
Marcos Pérez sobre o
tránsito de Venus que publica este mes de xuño a
revista Quo ponnos sobre a pista do científico francés Guillaume Joseph Hyacinthe Jean Baptiste Le Gentil e os seus infrutuosos intentos de observar tal fenómeno astronómico. Le Gentil saeu do seu país cara a India en marzo de 1760, adiantándose ao tránsito en máis dun ano para poder preparar con máxima precisión e detenimento a súa observación. Infelizmente os franceses e os británicos andaban por esas datas metidos de cheo na
Guerra dos Sete Anos, coa India como bocado colonial especialmente apetecíbel. Le Gentil nin sequera puido desembarcar. Estaba a ponto de facelo en Pondicherry cando esa cidade foi tomada polos ingleses, de xeito que non lle quedou outra que escapar correndo con destino a Illa Mauricio.
O tránsito de Venus do 6 de xuño de 1761 colleulle, por suposto, en metade do océano. Aínda que é certo que si puido observalo, nesas condicions era imposíbel tomar as medidas que lle axudarían a precisar, por paralaxe, a distancia da Terra ao Sol. O seguinte tránsito sucedería oito anos máis tarde, así que aproveitando que xa estaba alí e asumindo que surcar os mares entre barcos lanzándose canonazos non ía ser cousa fácil optou por ficar en Illa Mauricio. Utilizándoa como campamento-base botouse a explorar ben toda a zona, estudando a súa cultura e, supoño, confraternizando cos seus povoadores. Así pasou algún tempo, pero pronto decidiu que as Filipinas eran un mellor destino e alá foi, descubrindo que o governador español daqueles territorios non estaba polo labor de deixar entrar a estranxeiros con aparatos sospeitosos. Para daquela a guerra xa rematara e Pondicherry volvía estar en mans francesas. Por fin todo parecía marchar ben. Contaba co apoio das autoridades locais e puido preparar un completo observatorio. A partir das súas observacións astronómicas foi calculando con exactitude os dados que precisaba, como a latitude e a lonxitude. Chegou perfeitamente preparado para o gran día, o 3 de xuño de 1769. E aí foi cando todo se torceu. O ceo, que pola mañá estaba despexado e luminoso, foi enchéndose de nubes ao longo da xornada, até cubrirse por completo poucas horas antes do tránsito, e só ao rematar empezaron a abrirse claros. O home que levaba case dez anos entregado ao encontro de Venus e o Sol vía por segunda vez como todos os seus esforzos acabaran por ser inútiles, só que agora sabía que non ía ter máis oportunidades: para o seguinte tránsito habería que esperar até o 1874. Le Gentil ficou tan desolado que nin sequera foi quen a redactar o informe que debía enviar á Academia de Ciencias.
Antes de emprender regreso á Franza Le Gentil enfermou de disentería e estivo a ponto de morrer. Logo virían os ataques dos corsarios e as tormentas espeluznantes que convertiron a viaxe de volta nunha experiencia terríbel, pero o máis insólito agardáballe aínda na súa propia casa. Nin unha soa das cartas que mandara chegara ao seu destino, co cal os seus familiares e os compañeiros da Academia Francesa dérano por morto. As autoridades chegaran a expedir o certificado de defunción, o seu asento na Academia fora ocupado por outro científico e todos os seus bens estaban repartidos entre os seus supostos herdeiros. O único que lle quedaba a Le Gentil era a súa identidade.
A historia, contodo, ten un final feliz: acabou casando cunha dama adiñeirada e obtivo un novo posto na Academia. Quero pensar que desde ese momento Le Gentil viviría feliz, coa certeza de que xa nada do que lle puidera pasar podería collelo por sorpresa.
¶