Unha conversa nun taxi creada por
Joaquín Oristrell. As explicacións dun experto sobre o Plan Hidrolóxico que nos trae
Pere Portabella. A sinxela pero brilhante metáfora visual de
David Trueba e a estranha mensaxe de
Iciar Bollaín. O retrato áspero da soedade dos maiores de
José Ángel Rebolledo. As declaracións dos pais que viron como o colexio laico dos seus filhos era adquirido pola temível
Lexión de Cristo, recolhidas por
Pedro Olea. Un sórdido conto infantil de Juan José Millás narrado por Pilar Bardem, con
Yolanda García Serrano detrás das cámaras.
José Luis Cuerda e
Miguel Ángel Díez demostrando que non hai nada tan demoledor como un bon arquivo de imaxes. O manifesto dos trabalhadores de Antena 3 denunciando a falta de liberdade nos servizos informativos da man de
Imanol Uribe. A visión de
Juan Diego Botto sobre a dobre moral do governo á hora de decidir que cousas son terrorismo e cales non. A vergonha de Guantánamo, por
Daniel Cebrián.
El Gran Wyoming dando voz á nai e irmáns de José Couso, o cámara asasinado polo exército americano hai once meses en Bagdad. A ousadía de
Vicente Aranda. A montaxe preparada por
Julio Médem a partir do material gravado para
La pelota vasca.
Manuel Rivas recreando a traxedia do
Prestige con sorprendente talento fílmico.
Todos estes trabalhos pertencen a
Hay Motivo, a visión de 32 cineastas sobre a realidade da España de hoxe. Poden verse todos eles nas webs que prepararon para a ocasión os xornais
El País e
El Mundo; a película completa vai ser emitida tamén
hoxe mércores, ás 23 horas, e o
venres 12, ás 15:00, na cadea de emisoras locais de televisión
Localia. O conxunto fica lixeiramente coxo, e inclúe cousas cativas (o de Sigfrid Monleón), innecesarias (o de Mireia Lluc), bobas (a ¿homenaxe? a Resnais que se marca Ana Díez) e algunha francamente nefasta (o penoso videoclip perpetrado por Víctor Manuel); pero iso non quita que sexa enormemente recomendável. O melhor de todo, sen dúvida, o magnífico segmento da directora
Gracia Querejeta, unha pequena lección de montaxe de imaxes e sons.
É evidente que sobran os motivos.
dos arquivos estranhos: A rede universal (02/10/2003)
¶