Eleicións Xerais 2004
Por un país comprometido cos dereitos humanos, a loita contra a pobreza e o respeito polo meio ambiente
Amnistía Internacional - Greenpeace - Intermón Oxfam
España afronta o próximo mes de marzo unhas novas Eleicións Xerais. Como en anteriores ocasións, a atención política estará centrada en temas de grande actualidade, como o prezo da vivenda, a loita contra o terrorismo ou os servizos públicos en España. Pero existe outra axenda, xeralmente menos mencionada, aínda que non por iso menos transcendente, non só para o futuro do noso país senón para o do resto do mundo.
Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam compartimos unha visión do mundo baseada na esixencia dos dereitos fundamentais das persoas, o respeito pola vida e a dignidade de todos os seres humanos e a protección do meio ambiente. Por iso,
esiximos ás autoridades que resulten elixidas que leven adiante, tanto dentro das nosas fronteiras como na súa política exterior, unha xestion na que destaque
un claro compromiso cos dereitos humanos, a defensa do meio e a loita contra a pobreza.
Iso será posível se o programa do novo governo inclúe as medidas precisas para que se cumplan os tratados e compromisos internacionais adquiridos polo Estado español nestes tres apartados. Un país que asuma estes principios coa súa sociedade e que os promova activamente no mundo, asegurará un futuro máis xusto, máis seguro e máis responsável coas xeracións vindeiras.
En particular, esiximos conxuntamente aos partidos políticos que, a partir das recomendacións de cada organización no seu ámbito de trabalho, no seu programa eleitoral inclúan os seguintes compromisos:
1. Por un país comprometido co meio ambiente
Un meio ambiente limpo e unha xestión sustentável dos recursos constitúen un dereito da cidadanía en estados sólidos e responsáveis, non un obstáculo para o desenvolvimento. España, cunha Constitución que garante o dereito dos cidadáns a disfrutar do meio e a obriga do Estado de conservalo e de promover unha utilización racional dos recursos naturais, adquiriu compromisos internacionais en materia de meio ambiente que deben tornarse concretos e materializarse na súa política exterior.
Cambio climático
España debe cumprir os compromisos adquiridos no Protocolo de Kioto sobre Cambio Climático, según o cal non deberá superar un 15% de aumento de emisións sobre o nível de 1990 para o período 2008-2012. Para conseguilo, é imprescindível que se actúe de xeito prioritario sobre os sectores da electricidade e transportes, estabelecendo ademáis criterios transparentes e estritos para asegurar que todos os sectores afectados reduzan as súas emisións. Débese revisar a Planificación Enerxética para que sexa coerente co cumprimento do Protocolo de Kioto e melhorar a Estratexia de Eficiencia Enerxética para conseguirmos unha redución do consumo enerxético nun 20% para 2010. Ademáis, España debe potenciar a transferencia de tecnoloxía de enerxías renováveis a países en desenvolvimento.
Diversidade biolóxica
Tamén é precisa unha acción decidida do Governo Español para ponher freo á destruición dos bosques primarios e o deterioro do meio marinho (ameazado pola sobrepesca, o cambio climático e a contaminación), tal e como se comprometeu na Convención de Diversidade Biolóxica asinada hai máis dunha década. Para iso, é preciso asegurar que a madeira se produce e comercializa de xeito legal, ecolóxica e socialmente sustentável, empregando sistemas de certificación forestal independentes. A escala global, España debe contribuír á creación dunha rede de áreas marinhas protexidas que asegure a recuperación, conservación e xestión sustentável dos recursos marinhos e apoiar a creación dun fondo económico internacional para a conservación dos bosques e o seu desenvolvimento sustentável. Por outro lado, a presenza en España de cultivos con Organismos Xeneticamente Modificados con enormes deficiencias no seu control está producindo graves contaminacións. Por iso, é preciso que o governo español tome as medidas oportunas para garantir o cumprimento do Protocolo de Cartagena sobre Bioseguridade, ratificado polo noso país en xaneiro do 2002.
Contaminantes Organicos Persistentes
Por último, é urxente que España ratifique o Convenio de Estocolmo sobre Contaminantes Orgáncios Persistentes, elaborando para iso un Plan de Implementación Nacional. Ademáis, débese crear un grupo de trabalho formado por expertos de diferentes ámbitos e disciplinas que impulse a investigación en España sobre riscos, presenza, fontes e alternativas a estas substancias.
2. Por un país comprometido cos Dereitos Humanos
Os dereitos humanos son os cimentos dos Estados sólidos e responsáveis, non un obstáculo para a seguridade. España adquiriu compromisos en materia de dereitos humanos que deben reflexarse na súa política interior (ponhendo en práctica as recomendacións dos órganos e mecanismos de protección internacional) e exterior (promovendo e esixindo o respeito polos dereitos humanos e o dereito internacional humanitario).
Armas baixo control
Desde o 11 de setembro de 2001 agravouse a proliferación mundial das armas, en lugar de melhorar o seu control. Certos países incrementaron a súa colaboración militar e armamentística cos supostos aliados contra o terrorismo sen ter en conta o seu desprezo polos dereitos humanos. O comercio mundial de armas está fóra de control e permite que estas cheguen a mans de governos represivos e perpetradores de abusos contra os dereitos humanos, con efectos devastadores nas vidas de milhóns de persoas. É esencial que España se comprometa co proceso por un tratado sobre o control do comercio internacional de armas, así como coa adopción dunha serie de medidas de ámbito nacional e rexional encaminhadas a limitar a proliferación e o abuso destas.
Polos dereitos dos inmigrantes e contra o racismo
En España subsisten graves limitacións aos dereitos fundamentais dos inmigrantes, refuxiados e solicitantes de asilo e obsérvase un aumento preocupante de manifestacións racistas. É preciso que España modifique a súa lexislación para adaptala aos tratados internacionais de dereitos humanos, e que se reconhezan e fagan efectivos os dereitos de reunión, asociación, manifestación, folga, asistencia letrada, acceso á sanidade e á educación dos inmigrantes indocumentados que residen no noso país. Tamén é imprescindível ponher en marcha un Plan Nacional contra o Racismo e se debe impulsar no marco da Unión Europea un enfoque baseado nos dereitos humanos -e non só no control e a seguridade- en temas de inmigración e asilo.
Dereitos das mulheres: a conta pendente da humanidade
Combater sen adialo máis e de xeito efectivo a discriminación e a violencia de xénero, coa asignación dos recursos precisos e coa participación das organizacións de mulheres, debe constituír un ponto esencial na axenda do próximo governo. España debe asegurar a protección aos dereitos humanos das mulheres dunha forma homoxénea en todo o territorio do Estado, axeitando as súas políticas ás recomendacións do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Mulher de Nacións Unidas e exercendo unha influencia para que estas a leven á práctica tamén no resto do mundo. Urxe un compromiso particular para as mulheres en especial situación de exposición e aquelas sobre as que pesan especiais desvantaxes.
Non á impunidade!
Se a impunidade prevalece, as violacións de dereitos humanos continúan. Por iso, os responsáveis dos peores crimes contra a humanidade deben ser levados diante da xustiza. España debe contribuir a fortalecer os mecanismos para combater a impunidade, asegurando a integridade do Estatuto de Roma, condenando enérxicamente os ocordos bilaterais de Estados Unidos con terceiros paises que tratan de impedir o eficaz funcionamento da Corte Penal Internacional concedendo impunidade aos seus cidadáns, e defendendo a aplicación do principio de xurisdición universal tanto en España como nas súas relacións con terceiros países.
3. Por un país comprometido cun mundo sen pobreza
A comenzos do século XXI, os Xefes de Estado e de Governo de todo o mundo comprometéronse na Asemblea Xeral de Nacións Unidas a alcanzar oito obxectivos básicos no ano 2015, centrados na erradicación da pobreza extrema, o analfabetismo e as enfermidades que afectan a milhóns de persoas en todo o mundo.
Axuda oficial ao desenvolvemento
Para podelos lograr, España debe facer efectivos de xeito inmediato os compromisos reiterados de aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvimento até adicar á mesma o 0,7% do PIB. Un 20% desta axuda debe orientarse aos sectores sociais básicos (tal e como acordou a comunidade internacional no Cumio Mundial do Desenvolvemento Social) e a cooperación coa África Subsahariana deberá duplicarse de xeito inmediato, posto que así o comprometeu o Presidente do Governo no ano 2000.
Conflitos internacionais
Un mundo livre de pobreza é inviável se milhóns de persoas seguen atrapadas en conflitos sen resolver. España debe promover -especialmente como membro non permanente do Conselho de Seguridade da ONU- o compromiso da comunidade internacional coa protección e asistencia aos civís atrapados en conflitos. Para iso, debe impulsar a presión diplomática sobre as partes para que respeiten o Dereito Internacional Humanitario e aseguren o acceso imparcial da asistencia humanitaria ás vítimas. É preciso reforzar o papel da ONU nas misións para o mantenemento da paz.
Acción Humanitaria
Ademáis, España debe promover a aportación de fondos de modo coerente e suficiente a todas as emerxencias, facendo especial finca-pé nas crisis "esquecidas". É urxente reorientar a acción humanitaria española, para que se basee no criterio da necesidade das vítimas, e non en consideracións políticas. Débense por outra parte incrementar substancialmente os recursos, aumentando a súa canalización a través de organismos internacionais (en particular axencias de Nacións Unidas), e melhorar a capacidade de resposta da AECI, coa dotación de recursos humanos e técnicos, e a elaboración de planos de continxencia. Finalmente, é preciso delimitar claramente o papel das Forzas Armadas na axuda humanitaria, asegurando que a súa actuación recaia exclusivamente en actividades de mantenemento da paz, creación de condicións de seguridade e apoio loxístico cando non haxa outras alternativas disponíveis.
Comercio con Xustiza
Para loitar contra a pobreza a nível mundial de xeito efectivo é esencial mudar as regras do comercio internacional. España debe impulsar, agora máis que nunca, a transformación da Organización Mundial do Comercio nun foro transparente, democrático e orientado cara o desenvolvimento sustentável. A Unión Europea non pode seguir ancorada nun sistema de axudas agrícolas inxusto que afunde na miseria a milhóns de pequenos produtores nos países pobres á vez que segue sen plantexar medidas sustentáveis para o agro no noso país.
Se queredes sumarvos ao manifesto e enviar un e-mail aos responsáveis dos partidos políticos con representación parlamentaria suxeríndolhes que asuman as recomendacións de Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam, picade aquí.
dos arquivos estranhos: Iria
¶