Mellor película, mellor director (Peter Jackson), mellor guión adaptado (Peter Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens), mellor música orixinal (Howard Shore), mellor canción, mellores efectos visuais, mellor sonido, mellor dirección artística e decorados, mellor vestiario, mellor maquillaxe e mellor montaxe
Colosal, brillante e dificilmente repetíbel, a última entrega da saga de
The Lord of the Rings,
The Return of the King, tiña todos os boletos para convertirse na grande triunfadora desta entrega dos Oscars. Ben está o que ben acaba, aínda que un cinéfilo coma min acostumado a levar a contraria sabe que todo canto ten de bon a triloxía pode conseguirse con cartos. Algúns seguimos crendo que o cine, realmente, é outra cousa.
Mellor actor (Sean Penn) e mellor actor de reparto (Tim Robbins)
Clint Eastwood deixa para a historia do cine dúas obras mestras,
Unforgiven e
Midnight in the garden of good and evil. Aínda non é un director verdadeiramente xenial, pero quizá con outros trinta anos de carreira acabe séndoo.
Mystic River é unha película moi sólida, electrizante, das que se ven sen sacar os ollos da pantalla. Ninguén lle podía arrebatar o Oscar a Tim Robbins como actor de reparto, e como protagonista Sean Penn róuballe a Bill Murray o premio que quizá el mesmo merecera máis por
21 grams. Non hai queixa, en todo caso.
Mellor guión orixinal (Sofia Coppola)
Sofia fíxose moi coñecida pola súa nefasta actuación como Mary Corleone en
The Godfather, part III. A crítica cebouse nela, non sen razón, aínda que para ser xustos hai que recoñecer que moitos foron os que descargaron contra a filla as iras que non ousaron descargar contra o pai, o auténtico responsábel da enorme necedade que foi toda a película. Despois de semellante presentación en sociedade poñerse detrás das cámaras era o mellor que podía facer.
Lost in translation é a confirmación de que estamos ante unha cineasta con verdadeiro talento, intelixente dabondo como para adorar a Wong Kar Wai, feito este que lle garantiza unha parcela permanente no meu corazonciño.
Mellor fotografía e mellor montaxe de sonido
Despois da espantosa experiencia de ver
Gladiator e
A beautiful mind decidín que durante o próximo século non verei ningunha outra película que leve dentro a Russell Crowe. Non falarei, pois, de
Master and Commander, que, dito sexa ao paso, non me interesa o máis mínimo.
Do resto: non tiven tempo aínda de ver
Monster, pero alegroume ver a Adrien Brody bicando, máis castamente desta vez, a outra muller esplendorosa. Non fai falta dicir que Charlize Theron, ao igual que Halle Berry, está máis alá das definicións. Tampouco vin
Cold mountain, pero imaxino que Renee Zellweger levaría o Oscar á mellor actriz de reparto por abusar dos mesmos tics e xestos de sempre.
Finding Nemo é dun infantilismo atroz e Denys Arcand fixo bon con
Les invasions barbares o vello dito de que á terceira vai a vencida.
En fin, que houbo anos peores.
dos arquivos estranhos: And the Oscar goes to... (24/03/2003)
¶