Os habituais deste blog saben ben que eu exerzo con entusiasmo esa condición de agitador del resentimiento que ladra su rencor por las esquinas que o presidente Aznar nos atribuiu hai un ano por estas datas. A esa descrición poden engadirlhe agora estoutra frase, defensor do amor livre e as parelhas de feito, que asumo con moito gosto despois de oírlha onte a Fragagá. Hai que ver que ben se lhes dá iso de botar a lingua a pacer. Eu estou polo labor de imprimir unha camiseta con todas esas frases, pero a verdade é que xa son tantas que non creo que me colhan.
Palavras infinitamente máis fermosas son as da carta que apareceu onte en La Opinión escrita por Juan Carlos Medal e Víctor Suárez, voceiros da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada que contan coa minha adhesión incondicional. Compártoa aquí con todos vostedes, poucas horas despois de vivir nesa vila corunhesa unha nova xornada manifeirante, animosa e lúcida. Créanme: temos razóns para estarmos orgulhosos.
A metamorfose das bágoas
Vivimos datas en que a natureza comeza a espertar do seu letargo invernal. As sementes agroman e os brotes das árbores, que rematarán sendo flores e froitos, xorden con forza nas súas ramas. Os ovos dos insectos serán axiña crisálidas, vermes e, finalmente, áxiles bolboretas que encherán os nosos ollos de beleza e o noso espíritu de liberdade e esperanza. Tivemos a honra de participar, desde o pasado 29 de Nadal, na constitución e posterior desenvolvemento da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada. E gozamos do privilexio de exercer de voceiros dela. Queremos dicir que, en pouco tempo, temos o sentimento de asistir, asombrados como nenos presenciando vermes de seda, a unha auténtica Metamorfose das Bágoas. Diante de todas as cousas que aconteceron en moi pouco tempo no noso concello (as cales non tería sentido relatalas nestas liñas pola enorme repercusión mediática que alcanzaron, coa cidadanía como protagonista), o que queremos destacar aquí é o noso persoal balanzo desta inolvidable experiencia. Ao comezo, cando a felonía se estaba a artellar nas catacumbas da inxustiza e só había sospeitas, cando a Plataforma aínda non existía, vimos en veciños achegados, nas nosas propias familias e nos nosos amigos rostos inundados por bágoas que só se detiñan no chan. Eran bágoas de tristeza, de resignación e de impotencia. En poucos días, en asembleas da Plataforma, en concentracións, en manifestacións, en actos culturais e en todo tipo de mobilizacións cívicas de exemplar convivencia, puidemos comprobar que había moita máis xente que choraba. O día 19, no auditorio da Casa da Cultura, puidemos comprobar desde a primeira fila o milagre da Metamorfose. Vimos moitos rostros e moitas bágoas..., pero xa non eran as dos primeiros días... Non había tristura nin resignación... Convertéranse en testemuñas de coraxe, de soberanía popular e de alegría. Polo ollo esquerdo agromaban, case sólidas, as da coraxe, as da decisión. as da conciencia cívica. Polo ollo dereito asomaban, máis fluídas, as do orgullo lexítimo e as da ilusión. Cidadáns e cidadás de Sada: esa é a nosa visión. Sigamos a chorar.
Juan Carlos Medel e Víctor Suárez Voceiros da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada.
Na miña condición de defensor do amor libre, as parellas de feito, a despenalización do aborto, e outras rojeces, síntome totalmente deslexitimado para esixir a demisión dun alcalde delincuente sexual.
Na mesma liña, como defensor da vivenda digna a precios xustos para todos, síntome profundamente deslexitimado para opinar sobre a planificación dos paros biolóxicos nos caladoiros saharianos de cefalópodos. Sí.
Vexo con alivio que Don Manuel, na súa condición de vello arcaizante, se sinte totalmente lexitimado para a exercer o vergoñento oficio de pastor de churras e merinas.
O compromiso dos intelectuais aínda non é todo o que nos gustaría a unha boa maioria do povo. Moitos deles afastan da política porque precisan dela para sobrevivir.De todolos xeitos debemos estar contentos das iniciativas que se estan a levar a cabo ante ese "prestige" de governo anque falte moita semente que sementar
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.