A historia
xa a saben: o PPeiro
Monchoesmucho, franquista confeso e con algúns asuntos pendentes coa xustiza, vai recuperar o luns que vén a alcaldía que perdeu lexitimamente nas eleicións municipais do pasado mes de maio co apoio de José Luis Santamaría, un concelheiro tránsfuga do PSOE. Antes de que vexamos como se consuma o
pequeno golpe de estado temos por diante un longo fin de semana manifeirante. A
Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada convídanos a todos a participar das convocatorias que tenhen previstas para esta fin de semana, nun chamamento que se quere reivindicativo e festeiro a un tempo, aberto a cantos desexen sumarse dun xeito tranquilo e benhumorado á denuncia da traición.
Sábado, 17 de Xaneiro
Isaac Díaz Pardo, Manuel María, Manolo Rivas, Miguelanxo Fernán Vello, Miro Casabella, Xurxo Souto e diversos membros de Os Diplomáticos, Julián Hernández de Siniestro Total e Tareixa Nabo de Fuxan os Ventos... Todos eles, e moitos máis, súmanse a unha grande festa que empezará o sábado ás sete e meia na Casa da Cultura e coa que se pretende lanzar un berro lúdico contra a corrupción e o derrocamento do Goberno actual. Virán tamén gaiteiros de Castro, Mondego e Sada e diferentes corais para amenizar un acto que incluirá música, poesía e a leitura de distintos manifestos.
Domingo, 18 de Xaneiro
Contra a ditadura do ladrilho. Ben podería ser ese o eslogan da marcha anunciada para este domingo. O ladrilho é o símbolo da especulación inmobiliaria que está detrás desta
volta ao Antigo Réxime. Dous pontos de venta de ladrilhos estarán instalados este domingo desde as dez da manhá, un na Praza de España e outro na Praza dos Vellos. Con eles acudiremos ao meiodía até á Praza Irmáns Suárez Picallo, onde terá lugar a última concentración vecinhal antes da moción.
Aproveito máis unha vez a bitácora para transmitir o meu apoio entusiasta á xente que, en Sada ou en calquera outro lugar, deixa de lado a indiferencia para expresar en paz a súa disconformidade con algunhas cousas que pasan neste mundo manifestamente melhorável.
¶