caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O ano manifeirante
> O ano manifeirante <

O 15 de febreiro de 2003 dez milhóns de persoas espalhadas por máis de 600 cidades de todo o planeta saíron ás rúas para expresarse en contra do ataque a Irak que daquela estaba a ponto de iniciarse. Nunca até entón na historia tanta xente e en tantos lugares se manifestara por unha causa común, dando pe á primeira grande protesta global. A convocatoria non serviu para aplacar os ánimos bélicos do trío das Açores, pero si fixo que moitos se decatasen do valor dos cidadáns livres como contrapoder ante os governos e as grandes corporacións. Nós, individuos que temos o privilexio de dicir o que pensamos, non debemos negarnos nunca a usar a nosa voz en favor daqueles que carecen das nosas oportunidades. Niso consiste a democracia, en exercer a condición de cidadáns en busca dun ben común. Ao parecer, algúns individuos dotados só de cerebro reptiliano pensan que o exercizo democrático reside unicamente nas urnas, e é que dentro da palavra democracia algúns só reparan na parte do sufixo -cracia (governo ou poder), e outros gostamos máis do prefixo demo- (povo). Son diferentes formas de ver o vaso, quizá.

Nun fermoso texto de Dickens que puxen aquí hai uns días o autor inglés insinúa unha ineludível tendencia ao progreso, unha forza imparável que fai que o home caminhe cara adiante superando tarde ou cedo inxustizas e dificultades. Eu gosto moito da súa visión optimista (que non contemplativa), e participo dela cun certo entusiasmo. É evidente que no último século e meio o nível de vida da povoación mundial aumentou dun xeito incesante; agora ben, o que nos falta por saber é se esa situación seguirá así ou se estamos entrando nunha era de retroceso. No chamado terceiro mundo non se aprecian nos últimos anos progresos significativos e nalgúns casos só cabe falar de estancamento, cando non de verdadeira caída por mor da traxedia da SIDA e de guerras que se eternizan ante a pasividade internacional. No noso contorno constatamos como unha parte crecente da povoación asume a perda de liberdades e dereitos sen queixarse como debera, acatando con indiferencia ovina as trapalhadas dos poderes reais ou fácticos. Ao mesmo tempo son moitos os homes e mulheres que parecen estar dispostos a entregar cada vez máis enerxías á esixencia dun mundo máis xusto. Para un feixe de persoas en España a guerra no Irak supuxo o seu reencontro coa rúa, pero non esquezamos que a oposición cidadá levaba varios anos de treinamento coas protestas contra a LOU ou a última folga xeral. Na Galiza, a Plataforma Nunca Máis demostrou unha envexável capacidade de convocatoria que se mantén practicamente intacta malia o ano transcurrido, como puidemos comprobar o pasado mes de novembro en Santiago. 2003 foi o ano manifeirante, o da reivindicación non por lúdica menos valiosa. Nas nosas mans está que ese espírito non decaia ao longo deste 2004 recén nacido, no que tantas ocasións teremos para repetir unha e outra vez a palavra república, por exemplo.

O ano manifeirante: Ao longo deste 2004 irei oferecendo en cada post dados, frases, enlaces e toda sorte de cousas que, agardo, nos movan a todos a unha mínima reflexión. Hoxe arrancamos con algunhas cifras tomadas do Informe sobre desenvolvemento humano 2003 do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento:

-Arredor de 115 milhóns de nenos non están escolarizados.
-De entre os inscritos, só un de cada tres nenos remata na África a escola primaria.
-Un de cada seis adultos é analfabeto. Unha grande maioría (dous tercios deles) son mulheres.

2004-01-02, 08:48 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/14273

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2004-01-02 18:21

Fará vostede que suba o paro, e porá en perigo as pensións dos nosos maiores. ¡Insensato!



2
De: Martin Pawley Fecha: 2004-01-03 10:19

Hehehe, Vendell... Iso é o que nos din ultimamente os ministros da Igrexa e os do Governo, no suposto de que sexan cousas diferentes.



3
De: jorge Fecha: 2004-01-04 03:01

As palabras dos ministros (uns e outros) merecerían que saísemos á rúa outra vez, ¿cómo se pode afirmar unha cousa así e quedarse tan ancho?¿Aquí non dimite nadie?¿Están a facerlle a competencia a Berlusconi?
No caso de que fose verdade o que dín que pasa, que temos que negarlle a sente a casar, convivir, etc. con quen queira por cartos, POR CARTOS!!! ¿?
Saúdos, R`n`R forever.



4
De: Jaio la espía Fecha: 2004-01-05 05:38

Tampoco tengo yo claro que la república sea la panacea ¿eh? Visto el nivel de mediocridad que caracteriza a nuestros políticos... casi me quedo con la anarquía. Pero, vale... admitamos que la república puede ser una alternativa, de momento.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley