Concello de Santiago, bairro de Santa Lucía. Un bairro partido en dous por unha estrada, a N-525. Sen as necesarias medidas de seguridade vial, moitas persoas morreron nela ao longo dos últimos anos, nun goteo incesante e sinistro. Os veciños da zona, os da parroquia do Eixo, expresaron o seu malestar en multitude de ocasións, recibindo promesas sistematicamente incumplidas por parte das autoridades; o presuposto para as obras, entre elas un paso subterráneo, ascende a só 1,6 millóns de euros. O 14 de Xullo de 1998 maniféstanse máis unha vez e cortan o tráfico durante uns minutos, sen incidentes; pola noite, a iso das dez, volven a se concentrar nas dúas beiras da calzada pero sen chegar a cortar o tráfico. Son os tempos do inesquecíbel Diz Guedes como Delegado do Goberno; a policía intervén
as usual e prodúcense uns desagradábeis incidentes a resultas dos cales un axente sae malparado. Segundo a Policía Nacional, froito dunha terríbel agresión. Segundo os veciños, debido a que caeu por un desnivel.
No pasado mes de xuño tivo lugar o xuízo deste caso. O fiscal acusou a seis veciños dun delito de atentado, lesións e desorde pública; considerounos responsábeis de increpar e ameazar a condutores e axentes da policía, de colocar unha barricada de lume no centro da calzada, de empurrar a varios axentes aos que zouparían supostamente con paus e barras de ferro e de ensañarse especialmente sobre un deles, ao que bateron "brutalmente" causándolle
traumatismo craneoencefálico, fractura de osos no nariz e contusións na cara. Como consecuencia da
tremenda agresión o policía sofreu un
trastorno de estrés postraumático polo que ficou incapacitado durante 527 días e se lle recoñeceu unha minusvalía do 67%. Só lles faltou acusalos de pertencer a Al Qaeda. Curiosamente, estes actos tan violentos non tiveron unha axeitada resposta por parte das forzas de seguridade, que na data dos feitos
non procederon a efectuar ningunha detención, segundo eles
"porque la cosa estaba muy tensa". Os veciños, pola contra, mantiveron no xuízo que o policía caera por un desnivel ao intentar identificar un rapaz que non levaba o DNI.
As testemuñas da acusación entraron en variadas contradicións. A preguntas do fiscal o policía estresado dixo ter recibido empurróns e insultos e que nun momento determinado un dos acusados lle dera
un golpe co puño, que fora seguido de agresións por parte doutros oito ou dez homes que o empurraron cara
"una cuneta" e que alí seguiran dándolle patadas e golpes. Outro policía, porén, describiu unha apocalíptica escena na que zouparan ao seu compañeiro
cun pau e
"corría la sangre por la carretera", non pola "cuneta". El mesmo, por certo, non foi quen a identificar aos acusados como agresores.
A defensa, pola súa parte, solicitaba a libre absolución por total falta de probas. Os acusados contaron co apoio ao longo de todo este tempo de practicamente todas as asociacións veciñais da cidade e do rural compostelán, da sección comarcal e o grupo municipal do BNG, da Agrupación Socialista de Santiago e dos sindicatos CCOO, UGT e CIG. Xuntáronse 2000 sinaturas en apoio aos encausados. De nada serviu. Hai unhas semanas tres deles, Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro, foron sentenciados a
sete anos de cárcere e a pagar unha indemnización de
156000 euros, unha condena desorbitada que foi xa recurrida ante o Tribunal Supremo. Se o Tribunal confirmase a pena aos tres acusados só lles quedaría a petición de indulto, para conseguir o cal é básico o pagamento da indemnización. Ningún dos tres condenados dispón de recursos para pagar tan desmesurada cantidade de cartos. A Asociación de Veciños Domingo Cepeda, que segue apoiándoos incondicionalmente, abreu unha conta corrente para que quen o desexe poida efectuar aportacións contribuíndo á recadación da devandita cantidade.
Estes son os feitos. Un policía con estrés. Múltiples contradicións e irregularidades durante a investigación do caso e na identificación e detención dos acusados. Sete anos de cárcere e 156000 euros de multa.
Xulguen vostedes mesmos.
¶