O blog de Martin Pawley non admite louvanzas desmesuradas nin tampouco críticas demasiado severas. Ten un nível medio bastante aceptábel, con esporádicos arrebatos de xenuina inspiración. O adxectivo que mellor lle cae é o de
ecléctico, que é un dos que soemos aplicar a aquelas cousas sobre as que non nos atrevemos a emitir opinións moi precisas.
En verdade, ecléctico é. Polo blog levan pasado textos moi diferentes en estilo e temática, até o ponto de chegar a resultar ás veces un pouco desconcertante. Tan pronto orixina unha polémica sobre algún deses
asuntos que soliviantan os ánimos, como se recrea con
poemiñas de aparente inxenuidade. Salta dunha cuestión a outra sen mirar cara atrás, esixindo flexibilidade e cintura aos seus leitores, que por veces poden chegar a sentirse confundidos a respeito das intencións do autor. E é que Pawley con frecuencia xoga ao despiste. Sérvese de cando en cando unha copa de
autobombo sen que acabe de ficar moi claro até que ponto está convencido do que di. Exibe impudicamente os seus haikus, o cal non deixa de ser un acto de creación poética lixeiramente pedante; ás veces os resultados non pasan de ser
molestamente ripiosos, pero non se pode negar que noutros momentos chega a alcanzar
destellos de brillantez. É evidente, tamén, que fai un uso
lúdico desa estructura poética pechada, deixándose levar ocasionalmente por un certo espírito
marxista (tendencia Groucho).
Nótase unha significativa evolución ao longo destes meses. A bitácora naceu en tempos de ardores guerreiros e
hilillos en estiramiento vertical; aquel presente
negro chapapote favorecía un tono
transcendente e lixeiramente
doutrinario. Pouco a pouco foise reforzando a ironía e o escepticismo que lle son proprios ao autor, que agora se permite tratar algúns deses mesmos temas desde unha perspectiva máis sarcástica, cun chisco de
absurdo arrabalesco. Non pretendeu nunca facer un blog chistoso, pero é fácil captar nel un fondo senso do humor. Pawley xoga coa súa liberdade creativa, facendo sempre o que lle peta, e o que é mellor, convidando aos seus leitores a que fagan o mesmo. Sabe que desde un blog non é posíbel cambiar o mundo, pero entende que iso non xustifica que todos nos entreguemos a un
escapismo en technicolor que se corresponde máis coas películas de María Montez que cos tempos convulsos que vivimos. Ao mesmo tempo, é escéptico dabondo como para tomarse calquera cousa demasiado en serio, incluido a si mesmo.
Pawley escribe con corrección, sen grandes alardes, e aínda que non sempre saiba dotar de verdadeiro contenido ao seu blog si é posíbel entresacar entre os textos alí aparecidos algúns
bastante afortunados. A súa principal virtude, porén, segue sendo o seu carácter inconformista e irónico, sen o cal sería imposíbel entender algúns dos posts.
Este, por exemplo.
¶