Hoxe sae en
La Opinión o meu amigo Óscar Blanco, en calidade de presidente da
Agrupación Ío. Nun momento da entrevista que lhe fixeron citou a eclipse de Sol do 2006, que agardamos poder ver ao vivo desde Turquía. Di que hai xente que soe viaxar polo mundo perseguindo todas as eclipses, fascinada co espectáculo, e ao ler as súas palavras eu lembrei a curiosa figura de Walter Carlos, o responsável da banda sonora de
A clockwork orange, aquí chamada
La naranja mecánica, película de Stanley Kubrick que eu detesto especialmente.
Walter Carlos é un dos pioneros da música electrónica e tivo unha escasa pero no seu momento moi significativa presencia no cine. Volveu colaborar con Kubrick para
The shining (
El resplandor) e logo trabalhou para a casa Disney en
Tron. Para daquela xa non se chamaba Walter, senón Wendy, e pódese dicir que na súa vida cambiaran algunhas outras cousas, ademais do nome.
Na súa
páxina oficial hai unha sección adicada específicamente ás eclipses solares. A senhora Wendy, noutrora o senhor Walter, volveuse unha entusiasta das eclipses desde que viviu a primeira hai cousa de trinta anos, e desde entón intenta non perderse ningunha. Vai polo mundo adiante fotografiándoas, e ademais ten a xentileza de volcar
esas fotos na rede. Quen tenha tempo e ganas, que non perda a ocasión de curiosear un pouco pola interesante web desta singular dama.
Porque hoxe é xoves: el juego de Ender
Livros para o canon: Nimbos de Xosé María Díaz Castro;
Mar morto de Jorge Amado e
Movimiento perpetuo de Augusto Monterroso
¶