Non é suficiente con crear leis expresamente deseñadas coa intención de ilegalizar un partido, sexa ou non do noso agrado. Non é suficiente con pechar cautelarmente un periódico á espera dun xuizo que ha de retrasarse anos e anos. Non é suficiente con criminalizar a todo aquel que se declare nacionalista, como se eles non o fosen. Non; os governos do PP, en calquera nível, necesitan da adhesión incondicional de todos os cidadáns. Ou estás comigo ou estás contra min. Quen non pensa como eles fica baixo sospeita de ser cómplice dos asasinos. Así de simple.
Non sigo a traxectoria musical de Fermín Muguruza, e sinto un interese ben pequeno polo que canta Manu Chao. Que eu saiba, iso si, Fermín Muguruza non é culpábel de ningún delito. Non matou a ninguén, nin secuestrou a ninguén, nin roubou cartos das caixas de fondos reservados, por poñer un exemplo. O seu
delito, a razón de fondo que xustifica que en Murcia e Málaga se suspendesen os concertos nos que el ía participar xunto ao fillo de Ramón Chao, é o estar vencellado á esquerda nacionalista. Vaia por diante que os organizadores teñen perfeito dereito a suspender un concerto polas razóns que estimen oportunas, pero eu tamén teño dereito a dicir que o que fixeron é un acto de censura, como mínimo. Iso, de todos xeitos, non é o peor. O peor é que esta clase de actitude por parte dos governos, de calquera governo, xa a esteamos asumindo todos como algo normal. O noso nível de tolerancia cara as desfeitas do poder vai medrando e medrando sen fin. Por iso xa non protestamos ante os ataques sistemáticos contra a liberdade que desde o poder se están producindo, ou contra a manipulación constante das conciencias máis aborregadas.
As ideas de Fermín Muguruza non gostan ao poder, e polo tanto Muguruza debe ser silenciado. Tampouco gostaban as de Jorge Oteiza; por iso lle fixeron en Alzuza un museo/mausoleo esteticista e frío, afastando todo posíbel vestixio do artista belixerante e crítico que tamén foi. O que se leva agora é o
pensamento marianil, mantecoso e sumiso. Fóra del ficamos os rencorosos e resentidos, os que enchemos de merda o mundo. Xa saben, o
eixo do mal. Por sorte, somos aínda demasiados para cabermos todos en Guantánamo.
¶