"MARTIANS BUILD TWO INMENSE CANALS IN TWO YEARS". O 27 de agosto de 1911 este titular asomaba ás páxinas do New York Times. Era unha época ben diferente, moi perto aínda dese espírito finisecular que se palpa en xoias literarias como
The War of the Worlds de H. G Wells. Son tamén os tempos do esforzado traballo de Percival Lowell, nacido nunha familia aristocrática de Boston. Home de formación científica, decidiu dedicar a súa vida á astronomía; en 1894 fundou un observatorio en Flagstaff, Arizona, un lugar especialmente apropiado para ese labor, a uns dous mil metros de altura e cun clima seco que proporcionaba uns ceos fermosamente escuros. Lowell dedicouse con paixón ao estudio de Marte. Escrutando a súa superficie cun telescopio de 24 polgadas acabou por debuxar un mapa do planeta surcado por un feixe de liñas que se entrecruzaban as unhas coas outras. Nas zonas brillantes que el podía ver imaxinou desertos, e as partes escuras atribuíunas á existencia de vexetación que recibiría auga procedente do casquete polar. Esa auga fluiría por medio de inmensos canais que se correspondían coas intrincadas liñas dos seus debuxos, e que
evidentemente tiñan que ser obra dunha civilización intelixente que algún día tería povoado o planeta. Lowell recolleu as súas teorías en tres libros,
Mars (1895),
Mars and Its Canals (1906), e
Mars As the Abode of Life (1908). A partir dese momento os seus intereses variaron. Centrouse na búsqueda dun novo planeta que debía estar situado alén de Neptuno tal e como predecían os cálculos teóricos, pero que até aquel entón ninguén fora quen a atopar. Lowell morreu en 1916 sen acadar o seu obxectivo, pero sería desde o seu observatorio de Arizona desde onde en 1930 Clyde Tombaugh rexistrou por vez primeira ese misterioso noveno planeta, ao que se lle puxo por nome Plutón.
Hoxe tamén é 27 de agosto, e tamén Marte volve saír nos periódicos. Seguro que xa todos o saben: nunca tivemos ao noso veciño tan próximo a nós como agora. A última vez que pasou algo semellante, hai uns sesenta mil anos, pola Terra camiñaban os Neandertais. Non volveremos ter un achegamento así até o 28 de agosto do 2287, así que entenderán que esta é unha boa ocasión para lle botar un vistazo ao firmamento.
Marte e a Terra xiran ambos arredor do Sol, pero tardan un tempo ben distinto en completar unha volta: mentres a Terra require 365 días para facelo, o que nós demos en chamar un
ano, Marte precisa 687. Ese diferente ritmo supón que hai momentos nos que os dous planetas se atopan moi lonxe un do outro, en posicións diametralmente opostas, e outros nos que ambos andan polo mesmo lado a respeito do Sol, en posicións moito máis próximas. Esta é a situacion que estamos vivindo agora, unha
oposición, así chamada porque desde o ponto de vista da Terra Marte atópase xustamente en dirección oposta ao Sol. As oposicións prodúcense cada dous anos e dous meses, pero non sempre son tan favorábeis como desta vez: as órbitas dos dous planetas non son circulares senón elípticas, co cal a distancia a que se atopan en cada un dos seus encontros é variábel. A situación ideal daríase cando Marte se atopa nunha distancia mínima ao Sol (
perihelio), mentres a Terra está na posición máis afastada do astro (
afelio), e esa é a que practicamente vivimos este ano. O noso planeta pasou polo seu afelio a primeiros de xullo, e Marte sitúase no perihelio a finais de agosto: entre as dúas datas prodúcese o seu encontro. O 27 de agosto do 2003 ás 11 horas e 51 minutos hora local da Coruña os dous planetas ficarán
tan só a uns 56 millóns de kilómetros, aproximadamente un tercio da distancia Terra-Sol. Marte alcanzará no seu mellor momento unha magnitude de -2,9, o que o convirte no obxecto máis brillante do ceo nocturno a excepción da Lúa, claro; tanto que até o podemos ver sen problemas en medio da cidade. Xa o levamos disfrutando ao longo de todo o verán, ben luminoso e vermello, como o sangue: por algo recibiu o nome do deus da guerra. Na actualidade sabemos que a súa cor débese a que na súa superficie abunda o
óxido de ferro, que nos resulta a todos ben familiar.
Que ninguén se preocupe se a meteoroloxía non nos trae boas noticias para estas noites: temos aínda varias semanas para disfrutar do esplendor marciano. Cando poidan, senten tranquilos e contemplen o ceo que se ergue riba de nós. Esta vez a escusa é Marte, pero, non o dubiden, calquera escusa é boa para gozar.
¶