A primeira bitácora da que tiven noticia foi a de Javier Armentia. Atopeina gracias ao eficacísimo
Señor Google e así empecei a ler nela os excelentes artigos de divulgación que este cabaleiro publica en
El Correo. Tardei ben pouco en descubrir que todo o que por alí aparece me parecía altamente interesante, así que o seu blog pasou a formar parte das leituras diarias que non podo nin desexo eludir. Entre os blogs hai cousas moi boas, moi malas e mesmo hainas simplesmente regulares, e logo hai tamén unhas poucas verdadeiramente imprescindíbeis, como
Por la boca muere el Pez ou
Una cuestión personal. Isto é unha obviedade para calquera visitante sensato de Blogalia, pero quizá sexa un descubrimento para algúns dos que chegan a estes
días estranhos desde Portugal ou o Brasil.
Javier Armentia é un magnífico divulgador, iso está claro. Hai xente que divulga por obriga e xente que divulga con pracer, fuxindo da solemnidade hierática que só serve para inducir na xente un aburrimento mortal. Armentia é dos que sabe que o xogo é unha ferramenta valiosa de aprendizaxe, e que poucas cousas se aprenden tan ben como aquelas que poden verse e tocarse. Mestura ideas con alegría e frescura, e así descobres que Mendeleiev, o da táboa periódica, foi quen determinou
o grao alcohólico do vodka. Eu, que son informal por natureza, sinto debilidade por estes exercicios de sano eclecticismo.
Pero alén dos seus textos divulgativos hai outro Javier Armentia que me resulta aínda máis estimulante. Refírome ao home valente e bravo que se expresa con rotundidade na era do
politicamente correcto; ao incansábel provocador de conciencias que se pronuncia con claridade sobre as estupideces do Vaticano e outras moitas cuestións, ás veces desde posturas escasamente cómodas nun país como este, adormecido pola musiquiña permanente do
España va bien. Por iso gosto de ler o que escribe, para acabar de espertar.
O venres pasado tiven o pracer de coñecelo. Souben así que, ademais, é un home extraordinariamente divertido e xeneroso, dono de mil historias e de mil anécdotas. Un tipo lúcido e libre, para o cal
tolerancia non é unha palabra calquera.
Gracias por todo, Pez.
¶