caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Vou pechar o blog! (ene-agá IV)
> Vou pechar o blog! (ene-agá IV) <

Decidido! Vou acabar co blog! Clausurado, pechado, eliminado. Teño razóns moi serias para facelo: pola falta de respaldo do mercado galego e pola ausencia de apostas institucionais que terían que ser máis activas ao respecto do sector.

Non, era broma. Estou recollendo (e parodiando) palabras do poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello aparecidas esta semana en A Nosa Terra. A editorial Espiral Maior vive grandes dificultades que ameazan a súa supervivencia. E a culpa, claro, témola nós, en boa parte. Nós, os leitores incultos e soberbios que non nos lanzamos correndo a mercar a edición completa dos libros da divina Yolanda Castaño. Así non hai editorial que sobreviva, sen leitores ben comprometidos!.

Outro culpábel, a administración. Vaia, aí ten boa parte de razón. A administración galega carece de sentidiño ningún para o manexo destes temas, e certamente dedica moi poucos esforzos á promoción da cultura propia. E cando o fai, faino mal. Pero creo que xa está ben de tanto vitimismo por parte dos axentes culturais galegos. Algunha culpa terá tamén o mesmo Fernán Vello, como responsábel dunha editorial que leva tirando do prelo libros a feixes nos últimos anos, moitas veces cunha alarmante ausencia de criterio.

Non pasaría nada aínda que pechase Espiral Maior, como non pasaría nada se eu pechase o blog. A alguén pareceralle arrogante a comparación, pero nada máis lonxe da realidade. En verdade, días estranhos e Espiral Maior comparten orde de magnitude: o meu blog é irrelevante, e a editorial, tamén. Penso que calquera proxecto cultural que poida nacer na Galiza debe asumir de partida a súa natural irrelevancia, e desde ese humilde ponto de arranque pensar en facer algo. Se sae ben, perfeito. E se sae mal, tan amigos. O que non podemos é pasar toda a vida lamentándonos na clásica actitude de galego laiante. Os editores galegos, e en xeral os organizadores da cousa nosa cultural, soen actuar como se lle estivesen facendo un favor aos cidadáns do país. Eles son os heroes da resistencia, os incomprendidos, os loitadores pola defensa da patria que son esquecidos polo povo de imbéciles e escuros. Non os entendemos, non. Por iso non acadan a repercusión que merecen. Non é porque, en esencia, non fagan ningún esforzo en conseguir novos leitores, novos falantes, novos usuarios da cultura, en xeral. Non, eles seguen tan encantados, difundindo o seu saber entre os que xa todo o saben, e captando aos que xa están captados.

Non entendo como a estas alturas hai editoriais que carecen de páxinas web, ou que teñen páxinas que se revisan cada meio ano, ou así. Non entendo como as presentacións de libros seguen facéndose de xeito solemne, en espacios rotinarios, onde o feito da presentación non ten xa nada de especial. Por que non facelas nos bairros, colaborando con asociacións de veciños, agrupacións culturais e pequenos comercios e librarías, que seguramente vivirían o acto con moita intensidade e garantizarían unha repercusión maior? Hai que sacar a cultura dos estantes, limparlle o pó e sacala ás rúas, ás prazas, onde está a xente. Debe estar perto de nós, debe facerse notar, debe interferir nas nosas vidas. Se facemos ese esforzo de difusión, e aínda así, non conseguimos nada, entón si teriamos razóns para debater se todo isto paga a pena. Até entón, as queixas só son propias de xente que veste chaquetas longas e ideas curtas, de xente que leva tanto tempo á vista de todos que xa cre que forma parte da paisaxe. De xente covarde e torpe, simplemente.

ene-agá III

2003-08-05, 08:10 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/10376

Comentarios

1
De: rvr Fecha: 2003-08-05 16:06

En Barrapunto comentaba que un jefazo de alguna empresa estadounidense calificaba de ladrones a quienes utilizaban herramientas para grabar programas de televisión sin anuncios publicitarios. Todos a la cárcel por anticonsumidores.



2
De: EMF Fecha: 2003-08-05 17:45

Eu penso pedirlle unha subvención á consellería de política lingüística -se aínda haina- por utilizalo galego na Internet esa.
E despois á de turismo por falar da Galiza estando en Madrid.
E despois...



3
De: ock Fecha: 2003-08-05 23:38

topamos cos dereitos de autor, os de copia, os de distribución...



4
De: Vendell Fecha: 2003-08-06 09:53

Seica non lle gustan Fernan Vello e Yolanda Castaño polo parecido con Ahab e Tamara, respectivamente.



5
De: Nona Fecha: 2005-09-01 19:05

Se un puidera estoupar de razón, estaría vostede facendo Pum!!!



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley