Ou sexa, os irmáns Casal. Un periodista, unha psicóloga e un guionista de televisión. Antonte presentaron nun dos templos de A Coruña, a indispensábel
Librería Lume, cova de
rencorosos e resentidos, o seu libro
A diario, publicado por Laverde Ediciones. Tres talentos literarios unidos para lanzar un berro conxunto contra a realidade viscosa da Galiza do
Prestige. Era unha proposta atrevida, de resultado francamente satisfactorio. Créanme, non é un libro calquera. Quen toca ese libro, toca a tres seres humanos.
César opta polo recurso do diario; mergulla dentro de si mesmo con voz emocionada e abundantes apontamentos líricos. Macu tamén estructura o seu texto a xeito de diario, pero decántase máis abertamente cara a poesía, e Alberto pecha o volume con dous monólogos torrenciais e intensos. Son páxinas para estimular sensiblidades e conciencias, algo decaídas nestes últimos tempos nos que hai xa tanta xente ao parecer resignada a que os
hilillos sigan chegando día si e día tamén á nosa costa mentres o
anxo exterminador reparte medallas. Por sorte somos moitos os que non esquecemos.
Moitos, si. Pero... Cantos?
¶