O pasado sábado estiven nun campamento con rapaces en Maceda, Ourense, colaborando nunha actividade de divulgación astronómica. O tempo non nos acompañou, pero iso xa non nos sorprende a nós, galegos afeccionados a mirar ao ceo. Compartimos con eles unha breve charla na que falamos das cousas que podemos observar polas noites e logo aprendémoslles a manexar uns sinxelos planisferios de fabricación caseira. Cando a escuridade foi suficiente fomos pousarnos na herba para contemplar o escaso firmamento do que a brétema nos deixaba gozar. Unha estrela destacaba entre todas polo seu brillo, e animeinos a que buscasen ao seu redor na procura doutras estrelas que lles permitisen localizala no futuro sen dificultade. Non tardaron en atopar un vistoso conxunto de sete estrelas que parecen debuxar un cazo. Nos libros chámanlles doutro xeito, ao parecer, pero a aquela hora e naquela noite o que menos nos interesaba era o seu nome. O que contaba era que o mango dese cazo nos guiaba a aquela estrela tan brillante, do mesmo xeito que a súa parte dianteira nos leva a unha estrela moi especial, unha que parece fixa e arredor da cal xiran todas as demais. Chámanlle
Estrela Polar e apunta xusto en dirección Norte. Sorte que temos nós, os deste hemisferio, por ter unha estrela ben feitiña tan ben colocada. No hemisferio Sur, e en dirección Sur, non teñen ningunha visíbel a simples vista, aínda que tamén poden orientarse coa axuda dunha Cruz e dunhas
Nuvens que o meu amigo Omar non dá atopado.
Foi unha noite moi agradábel, na que eu confeso ter disfrutado moito. Así que eu hoxe tómome a licencia de aproveitar o blog para darlle as grazas aos organizadores e participantes do campamento, e a todos os monitores e profesores cos que logo compartimos un estupendo tempo de contos e de charla. Agardo que poidamos volvernos ver nalgunha outra noite, preferibelmente máis despexada.
Alguén me preguntou o outro día por publicacións para se achegar á astronomía. Como eu son home de gostos sinxelos, recomendei unha guía moi barata pero francamente valiosa para a observación do ceo a simples vista, a
Guía del cielo que cada ano edita e distribúe
Procivel. A respeito dos libros de astronomía teño o pracer de dicir que o mellor que eu coñezo está escrito en galego e editado por
Toxosoutos. Titúlase
Astronomía práctica e outras cousas e o seu autor é o profesor de secundaria Ramón Vilalta López. Para que non lles fique dúbida algunha, o libro é este:
Podería dicirlles que temas trata, pero a realidade é que practicamente trátaos todos. Mellor, póñolles aquí parte do fermoso texto que aparece na contraportada, co desexo de que se decidan a compralo para aproveitar moitas das súas sabias ensinanzas:
Gracias ao estudio dos astros hoxe podemos coñecer e entender algo máis o mundo no que vivimos, disfrutar da súa observación e soñar ou imaxinar outros mundos. Saber que non somos o centro do universo, que viaxamos a bordo dun planeta xunto a unha estrela vital para a nosa vida, pero unha máis de tantas que hai no universo. Causa tristura saber que, ás portas do século XXI, nalgúns centros de ensino do planeta aínda non é posíbel estudiar, como é debido, dúas das teorías científicas aludidas neste libro (o big bang e a evolución), por mor de diversas restriccións e prohibicións. Ese celo reaccionario que pretende engar todo espírito crítico, base de calquera formación científica, convive perfectamente coa superstición máis absurda que se manifesta, por exemplo, na extraordinaria difusión de horóscopos e outras prediccións astrolóxicas ou nos medos que aínda afloran, en diversas sectores da poboación, ante unha eclipse de Sol anunciada.
¶