A Warner Bros quería a Sidney Poitier ou Harry Belafonte como protagonistas de
Sergeant Rutldege, pero o convencemento de John Ford de que era preciso un actor cun perfil máis duro acabou permitindo que Woody Strode se fixese co papel. Foi a actuación da súa vida. Daquela xa pasaba dos corenta anos, pero mantiña unha espléndida forma. De xove estivera na liga de fútbol americano en Canadá e exercera como loitador profesional; alardeaba de facer cada mañá mil flexións e mil abdominais, pero, porén, non sabía montar a cabalo, polo que debeu aprender para enfrontarse á rodaxe. Até aquel momento a súa presenza no cine era escasa, sendo o único salientábel a súa intervención como gladiador en
Spartacus. John Ford dedicoulle tempo e esforzo e ensaiou meticulosamente cada unha das súas escenas, indicándolle en detalle como debía actuar. Cebouse nel física e mentalmente coa intención de arrancarlle o que ao final foi unha memorábel interpretación. Woody Strode acabou por dicir que merecera a pena.
"Era un clásico. Tiña dignidade. John Ford puxo na miña boca palabras clásicas. Nunca se vira antes a un negro saíndo dunha montaña como John Wayne. Fixen a mellor cabalgada polo río que nunca un home negro fixera na pantalla. E fíxeno todo por min mesmo. Fixen cruzar o río a toda a raza negra". Chegou a ser moi amigo do director, que o acabou metendo noutras películas para facer personaxes menos apropriados, como o de xefe indio en
Two rode together ou de guerreiro mongol en
Seven women.
O Braxton Rutledge encarnado por Woody Strode ten moito de totémico. Ford recréase na súa excelencia física, na
fermosura do heroe, pero tamén na súa integridade, na súa exemplar bondade e capacidade de sacrificio. Braxton Rutledge é un home só, un escravo liberado que só pode atopar un fogar no exército. É unha víctima da intolerancia e dos prexuízos, dos que é perfectamente consciente e que o impulsan a fuxir duns crimes dos que en absoluto é responsábel. A obsesión de Ford polo racismo acha aquí o mellor vehículo posíbel para se expresar. Ao longo de toda a metraxe hai infinidade de referencias, pero quixera destacar a escena no posto da estación xunto a Jeffrey Hunter, que lle esixe furioso que lle conte a súa versión dos feitos apelando á amizade. Con ese único momento, que me transmite unha total sensación de verdade, John Ford nos está confirmando anos de relación e de confianza mutua. O tenente Tom Cantrell cre honestamente nel, pero tamén no conxunto da tropa do 9º de Cabaleiría, formada toda ela por soldados negros que forman unha comunidade unida e autónoma, máis humana e menos formalista. Nesa mesma liña encaixa o personaxe encarnado por Constance Towers, que desde o primeiro momento ponse do lado do Sarxento Rutledge, o home que lle salvou a vida. O elemento sexual, como xa pasaba en
The searchers, pasea ao fondo do filme; Ford xoga co tabú da relación entre as "razas", e se permite o plano ousado no que un ferido Woody Strode quita a camisa en presenza dela, que sente medo e quere verse protexida polo soldado. A mesma Constance Towers actuará logo como dilixente enfermeira, coidando de xeito maternal aos feridos da unidade.
Desde un punto de vista estético, a película aporta novas probas da inventiva inagotábel do cineasta. Un exemplo brillante: cada vez que hai un testemuño diminúen as luces da sala do tribunal, até ficar reducidas a unha soa que enfoca ao que fala para introducir o flash-back que narra os feitos aludidos. Como é habitual tamén saca enorme partido dos escenarios naturais, e emprega maxistralmente o decorado da estación, con planos nos que filma desde dentro a personaxes que están no exterior.
Sergeant Rutledge é unha incontestábel obra mestra, que toma partido evidente por unha causa á que ningún ser humano xusto pode negarse: a da loita contra a intransixencia e o desprezo aos nosos semellantes.
¶