Abra la ventana, desde hace unos días puedo volar
Inicio > Historias > Antón Avilés de Taramancos
> Antón Avilés de Taramancos <

Hoxe, 17 de maio, celebramos o Día das Letras Galegas, este ano adicado ao xigantesco poeta noiés Antón Avilés de Taramancos.

Esta bitácora súmase á festa das letras inserindo dous soberbios poemas de Avilés de Taramancos dos que eu gosto especialmente, coa esperanza de que isto sirva para darlhe a conhecer a súa excelente obra a algún dos lectores que tenhen a bondade de pasarse por aquí.

Lean e disfruten da súa palabra luminosa:


Sangue callado. Terra escura, terra
tan clara e perfumada
que o corazón do home non ten lindes
dentro da túa luz.

¿Quen avisou a tódolos paxaros?
Do sur como unha ráfaga amarela
chegou o ouriol cun asubío:
Benvido viaxeiro tenaz, lóstrego ou claridade
das gándaras de cal e limoeiro!

Brinca no ar o gozo transparente,
digo alabastro ou ágata ou orballo:
Imos plantar unha cerdeira nova
de vermello interior vitrificado,
unha árbore absoluta no infinito
onde se pouse o vendaval tranquilo
e a aguia enfurruñada se estremeza
vibrátil e curiosa como un raio.

Unha cerdeira é un navío inquedo
que parte na mañá
e loita, e vence,
e síntese apretado polo vento,
e trae a luz sumisa, acribillada
estendida na xarcia vitoriosa.

E chega a noite: levián, polida:
unha xarada de estorniños mesta
que cae, que se derruba, que esmorece
como un castelo de cristal delgado.
E acubilla os seus ollos
-tanta feliz negrura asoballada-
na pureza da flor, na ponla acesa.
Apousentada así, no vento inviolado,
ditosa, firme no esquelete do céfiro,
será como unha fronte namorada.

A chuvia
poboada de vagalumes frescos
recibirá no instante un sabor de cereixa
de mel brunido e vermelliza pérola:
debrúzase no po e novamente
faise líquida luz
encadeada luz que agora canta
de canle en canle en interior albura.
Imos plantar unha cerdeira nova
Temos que darlle esa alegría ó vento.

Os poemas da ausencia, 1963-1969
En “O tempo no espello”, Ediciós do Castro, 1982

Meu capitán, é hora, é hora
de limpar os fanais, os astrolabios,
de abrir caixas de ébano,
de polir bronces, de airear
as bandeiriñas do pañol e ver
esas charnas no ar de proa a popa.

É hora de prender lume na tarde!

Ter outra vez aquela hora intensa
na que era o ceo unha fogueira viva
e estaba o corazón aloumiñado
por ese instante único.

A onde se van as horas luminosas?

Só ten o corazón un cofre intacto
onde se gardan como postais vellas
esas felicidades de outro tempo
e o proer das feridas que nos deron.

É hora capitán, collamos rumbo
de cara o tempo que ficou no olvido,
ese espello de brétemas que ás veces
se ilumina no fondo da memoria
e fai brillar en lampos unha tarde
que nunca volverá. Pero está viva.

Última fuxida a Harar
Editorial Espiral Maior, 1992


2003-05-18, 02:08 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/8084

Comentarios

1
De: deneno Fecha: 2003-05-18 07:12

gustoume moito...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.107.179.241 (abd9886ba3)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com



O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley