caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Contigo na distancia
> Contigo na distancia <

As verdadeiras despedidas son as que se producen nos aeroportos, lugares tan cheos de xente coma baleiros de vida; um parêntese entre deslocamentos, en palabras do sabio Omar. Coller un avión esixe tomar parte dun coidadoso ritual dividido en varias fases de crecente intensidade emocional, e no que cada paso dado é un chanzo subido pola escaleira que che conduce a un destino novo. Para min, o avión segue posuíndo unha certa fascinación exótica: lévanos dun sitio a outro sen termos xamais idea clara do que sucede entremedias, sabedores nós de que os corpos trasládanse máis velozmente que os espíritos.

Onte pola mañá fun ao aeroporto coruñés de Alvedro a despedir a unha amiga. Sonia e o seu mozo Fran abren un caderno novo nas súas vidas, mudando o verde e gris existencial da Galiza polo gozo azul de Tenerife. A súa marcha estivo tinxida da emoción característica nestes casos. Pero as cousas xa non son como eran antes. Poucos minutos despois de ela pousar en terra canaria conversamos polo móbil e a súa voz soaba tan nidia coma se estivese aquí preto, pola Cubela. Así que no fondo ela non anda tan lonxe de min: afástanos unha simples chamada de teléfono.

E é que xa non hai distancias. Rede adiante, eu viaxo a diario de Pamplona a Florianópolis facendo escala en Río a puro golpe de clique. Escribo desde A Coruña, pero síntome deslocalizado a un tempo entre aqueles lugares nos que estiven e aqueles outros moitos nos que estarei, nunha especie de versión emocional do principio de incerteza que fai imposíbel o eu saber quen son e onde estou de xeito simultáneo. Algo de min camiña desde onte por Tenerife, e sei de moitos anacos de min mesmo esparexidos aquí e acolá. O mellor de todo é que teño vontade de seguir esparexéndome por aí, a pouco que me deixen.

2003-05-13, 07:09 | 3 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/7950

Comentarios

1
De: Omar Fecha: 2003-05-14 08:47

Amigo Martin Pawley, pode ter certeza de que vive espalhado pelo mundo, presente para seus amigos do exílio e para todos os que o vão seguindo diariamente neste espaço. O centro do universo está aqui, neste caderno escrito desde a Corunha, from a Cubela, pelo menos é um entre muitos outros centros pelo mundo afora (os periféricos são outros, alguns até se apresentam às eleições para "alcaide"). O bom é que todos esses centros se mantenham ligados.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2003-05-14 09:38

Tantos centros coma persoas con vontade de se querer entender.

Eu son o centro do Universo, pero iso non é un acto de arrogancia. Arrogancia sería non querer mirar o que hai darredor.



3
De: Otro centro Fecha: 2003-05-14 23:07

Leído en NIÑO Y TROMPO, de Octavio Paz:
"Cada vez que lo lanza
cae, justo,
en el centro del mundo"

...¿Hay algo menos arrogante que un niño jugando a la bujaina?...
...Siga vd. jugando sin miedo, amigo Pawley.Y no nos prive del placer de disfrutar de su compañia.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 23.20.157.174 (f8ae440b99)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley