caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Mirar ao paxaro
> Mirar ao paxaro <

Cóntao nun dos seus libros Richard P. Feynmann, premio Nobel de Física en 1965 e un dos máis fascinantes personaxes do século XX. Nalgunha ocasión sendo el un cativo achegóuselle un rapaz preguntando se sabía como se chamaba un determinado paxaro que había alí perto. Cando Feynmann respondeu que non tiña a máis mínima idea, o rapaz lle dixo: "É un tordo de garganta marrón. ¡Ben se ve que o teu pai non che explica nada!". Pero sucedía xustamente todo o contrario. O neno Feynmann paseaba moitas veces polos bosques xunto ao seu pai, e cando vían un paxaro, este lle dicía: "Iso que ves é un tordo, e en portugués chamáselle así, e en italiano deste xeito, e en xaponés daqueloutro... Agora xa sabes como se chama o paxaro en moitos idiomas, pero segues sen saber absolutamente nada acerca del. Só sabes como lle chaman ao paxaro os homes de distintos lugares". E concluía: "Agora, miremos ao paxaro".

Está claro que Feynmann pai, de profesión viaxante de uniformes, era un excelente educador. Tiña a idea de que a única cousa que verdadeiramente paga a pena ensinar é a de ter curiosidade polo mundo que nos rodea. Eu comparto a súa opinión, e sempre pensei que o obxectivo principal que debera ter a educación obrigatoria é o de converter aos nenos en xente con espírito crítico, que practique con frecuencia o saudábel exercicio da dúbida. Formar rapaces educados na tolerancia e no respeito polos dereitos das persoas, entendidos como algo natural e necesario, e non coma un mero disfrace de progresismo. Rapaces que crean na liberdade e que actúen sempre como individuos libres e con criterio propio.

Os ministros de educación, pola contra, non soen compartir esta visión. Seica a actual ministra andaba moi preocupada polo feito de que os alumnos españois non se levan moi ben coas regras de tres e tampouco saben o suficiente sobre a vida dos Reis Católicos, e consciente dese terríbel drama encargou diversos informes que lle desen a razón e demostrasen o que ela xa sabía. Como solución, sacou adiante a enésima reforma da educación, que pensa ela vai solucionar todos os problemas habidos e por haber.

A min non me parece que esta lei, ou calquera outra que poidan sacar, sexa nin boa nin mala, senón algo moitísimo peor: paréceme totalmente irrelevante. Porque o problema non está en poñer ou quitar unhas horas de clase, nin en que os nenos repitan curso ou deixen de repetir. O problema segue estando nunha concepción profundamente equivocada do que debe ser a educación, que debe entenderse como algo global e que non se limita a unhas poucas horas de estancia nunha aula. Os rapaces de hoxe en día son consecuencia da sociedade española de hoxe en día, e non son comparábeis cos de calquera outro lugar e época. Son rapaces educados nuns valores e actitudes moi concretos, e iso reflíctese sen dúbida no seu comportamento escolar. Que ninguén esqueza que os primeiros responsábeis da educación dun neno non son os seus mestres, senón os seus pais, ben sexa por acción ou por omisión. A fin de contas, ao longo do ano os nenos pasan tanto tempo diante da televisión coma na escola.

Pero tanto ten: esa realidade nunca se recollerá nos informes dos ministros. Eles nunca pretenden mellorar a educación: bástalles con mellorar as estatísticas.

2003-05-08, 18:48 | 6 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/7810

Comentarios

1
De: eledhwen Fecha: 2003-05-08 19:59

Curioso. Tamén o Cisne Negro rumiaba sobre o asunto non fai moito. Vexa o terceiro post deste enlace



2
De: Jueves Addams Fecha: 2003-05-09 03:21

Vaya, señor Pawley, por su recomendación he empezado a leer este mismo libro (¿Está usted de broma, sr. Feynman?), y me parece estupendo: no leía nada tan ocurrente desde "Groucho y yo"(quizás me lo recuerde, porque comparten época y ambientación, supongo). Gracias por fomentar la diversión en mis lecturas!!



3
De: Martin Pawley Fecha: 2003-05-09 10:10

Deixando a un lado os moi recomendables libros seus que recolhen artigos ou conferencias, debo dicir que eu tamén gosto moito de ¿Que te importa lo que piensen los demás?. A parte máis extensa trata da súa participación nas investigacións posteriores ao estoupido do Challenger, pero o melhor é a historia que dá título ao libro e que eu sempre pensei que daría pé a unha fantástica película. Calquera ano destes me ponho a escribir a partir desa historia un guión que non se poida rodar nunca, coma os que fai Víctor Erice...

Esta fin de semana creo que vai falarse de novo por aquí de don Feynmann.



4
De: Vendell Fecha: 2003-05-10 00:09

E curioso. Feynmann é obxeto de admiración e motivación para aqueles de nos que amamos a ciencia, pero é raro atopar os mesmos sentimientos entre os que a practican. Non pasa nada. A ciencia non é deles.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2003-05-10 09:26

Quizá non sexa tan curioso. Ecléctico, provocador, políticamente incorrecto, escasamente respetuoso coa autoridade... Feynmann non responde en absoluto a ningún estereotipo. Por eso nos gusta.

En particular, a Jueves Addams gústalhe moito, polo que leo.



6
De: Jueves Addams Fecha: 2003-05-10 21:38

pues sí, me ha pillado, es la actitud lo que me gusta: nunca dar nada por sentado...
Saludos.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.54.120 (0f9f8a5c91)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley