Seguramente a maioría de vostedes saberán que o Zodíaco vén sendo o conxunto das doce constelacións sobre as cales se debuxa a Eclíptica, e que conforman o telón de fondo polo que vai pasando o Sol, a Lúa e os planetas no seu camiño ao longo da bóveda celeste. O que quizá moitos de vostedes non saiban é que por mor do movemento de precesión da Terra, que fai que o seu eixo de xiro se sacuda coma unha peonza describindo un círculo completo ao longo duns vinte e seis mil anos, ese telón de fondo muda de considerarmos periodos amplos. Por mor dese baile sambeiro que padece o noso pale blue dot, hoxe o eixo da Terra apunta cara a Estrela Polar, pero non era así cando nacían as civilizacións nas beiras do Tigris e do Éufrates, por exemplo, nin será así dentro de seis ou sete mil anos, como poderán comprobar os nosos descendentes se é que daquela aínda fica alguén aquí para contalo.
A división do camiño do Sol en doce constelacións foi feita hai moitos, moitísimos anos. Os horóscopos que saen nos periódicos e nas revistas seguen dicíndonos que os nacidos entre o 21 de marzo e o 20 de abril pertencen ao signo de Aries, dando por suposto que é entre esas datas cando o Sol transita polas fronteiras absolutamente arbitrarias que lle asignamos a tal constelación. Pero o certo é que hoxe en día as cousas non son así. Calquera persoa pode entreterse a comprobar en que datas o Sol atravesa cada nova constelación do Zodíaco botando man dun sinxelo programa de ordenador. Eu acabo de facelo, e aquí lles poño os resultados. Non se tomen con demasiada rixidez as datas; máis ben, recoméndolles que as estendan ao seu proprio proveito, e se de verdade gostan de ser Leo, digan que son Leo aínda que teñan nacido en plena primavera.
Quizá algún de vostedes se sorprendese pola aparición de Ophiucus. Como poden ver, as constelacións zodiacais son trece, e non doce. De feito, se me animan un pouco direilles que son catorce. Se coñecen algún rapaz que nacese aí polo 27 ou 28 de marzo, cóntenlle cando sexa maior que ten o privilexio de ter nacido baixo o signo de Cetus, constelación que roza o Sol por esas datas. E sobre todo, tráteno ben e procuren que sexa feliz. Aos do signo de Cetus, e a todos os demais.
¶
Gracias. De todo o bo que ten descubrir cousas sempre son as que atañen a un mesmo as que máis enchen, ainda que tamén é verdade que a moita xente non lle soe gustar que outros sepan máis sobre nos que nos mesmos. Que llo digan a Kubrick sinón.
Agora lanzo un reto. Sempre me preguntei por que o tempo pasa de ditinta forma tanto física como mentalmente para cada un de nos, ¿Terá tamén algo que ver a astroloxía ou algunha outra cousa?
Pese ao séu esforzo, sr. Pawley, hai cousas que fican sen explicar.
¿Cál é o signo axeitado para o bárbaro da diáspora que ven de remitirnos esa abraiante carta dende alén do mar?.
¿Cándo entra o Sol en STUPIDIARIUS?
Vendell: Vaia, é certo, vostede segue sendo un peixe. A cambio, a Marilyn entra na era de Acuario...
Jaitos: para ese tipo hai que recorrer ao horóscopo chinés. Claramente, é rata, pero rata-rata.
Borja: nin se lhe ocorra, por favor. Pense que o Acuario representa a un hominho levando auga, pero ninguén acredita que ademais de levala, a bebese. Fágame caso, opte polo vinho.
Por certo, Jorge, ¿Foi ver vostede xa Bowling for Columbine? ¿Ten interese en asistir a unha cea brasileira en próximas datas? ¡Conteste primeiro á segunda pregunta!
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)