caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Jesucristo Superstar
> Jesucristo Superstar <

Antonte, mércores, "Jesucristo Superstar", no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Tal ousadía corría a cargo da xente do Colexio Santa María do Mar, e, con toda honestidade, debo dicir que o seu esforzo pagou a pena. Nada malo pode dicirse da súa montaxe; antes polo contrario, todos os aspectos da producción funcionaron de xeito impecable: a música ao vivo, o coro, o vestuario e o decorado, tan sinxelos coma efectivos... Por suposto, hai que destacar aos verdadeiros heroes da función: os rapaces (e os que non o son tan tanto), que deron sobre o escenario todo canto tiñan e algo máis. Sería inxusto non citar aquí algúns deses nomes. Por exemplo, os dos irmáns Alberto e Alejandro G. Ruffoni, Jesús e Judas respectivamente, unha boa demostración de que as habilidades para o canto e a interpretación tamén deben ter unha boa componente xenética. Cantan moi ben e actúan moi ben, desenvólvense sobre a escena coma se nunca fixeran outra cousa, e en ningún momento frouxeou a súa intervención, nin sequera nas partes máis difíciles da obra. O "Getsemaní" ou a "Morte de Judas", por exemplo. E todo eso, a unha idade insultantemente nova. Aí hai (moitísima) madeira. Na obra de Lloyd Webber, a María Magdalena é un personaxe con non demasiada garra; quizá por eso, o autor outorgoulle dúas das mellores cancións da obra, o "Todo estará en paz" e o "Es más que amor". Cristina Herranz supera con nota a súa difícil tarea. Por último, Sergio Bermúdez, ou sexa, Pilatos. Ten uns anos máis ca eles e nótase, claro. Véselle moi seguro e sóbralle talento. Doutra banda, foi magnífico o traballo de coreografía, que resultou extraordinariamente vistoso. Non podo rematar sen citar expresamente o maior acerto técnico: as proxeccións de imaxes que ilustraban e enriquecían o fondo da escena. Perfectamente escollidas, e non por casualidade, precisamente.

Vendo algunhas delas, comprobei, unha vez máis, que o único que verdadeiramente está ben globalizado no noso planeta é a dor e o sufrimento. Un neno iraquí mutilado é idéntico a un neno de Sierra Leona mutilado, e o seu ollar é o mesmo ollar có dun meninho da rúa, por exemplo. A pobreza unifica rostros, voces e sentimentos. Todos os homes e mulleres que viven na fame, todos eles que sofren baixo a nosa indiferencia, son os nosos compañeiros de viaxe a bordo deste pálido punto azul que chamamos Terra. Ante iso, só temos dúas opcións: facer coma que non vemos, ou ben mirar de fronte e pensar de que xeito habemos de lle poñer remedio a tanta miseria.

Temos que facer algo.

2003-04-19, 03:58 | 8 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/7275

Comentarios

1
De: Borja Fecha: 2003-04-19 11:28

Este mundo esta feito un verdadeiro desastre!! e polo menos a min pareceme que cada dia q pasa o desastre aumenta...

Podemos consolarnos pensado q os seres humanos as veces unense de xeito sobrenatural ante catastrofes como estamos a ver co asunto do prestige o da guerra

vai sendo hora de espertar do soño ...



2
De: Mayra y Tere Fecha: 2003-04-23 00:14

Alégranos moito saber que o esforzo de tantos meses e de tanta xente servise polo menos para pasardes unha boa tarde de mércores Santo. Gracias por estar alí e por estar tamén na caña postrepresentación, como sempre un pracer!Magnífico comentario, agora que coñezo a máis membros da túa familia, tamén eu, empezo a crer que iso da cinefilia é algo xenético, o teu sobriño é cuspidiño a tí neste asunto,jj bikos.



3
De: Sergio Bermúdez Fecha: 2003-04-26 02:12

É un verdadeiro halago que penses así da obra que tanto nos custou preparar e que, con ilusión, puidemos levar ata onde tiñamos pretendido: ás nosas xentes, ás persoas que realmente disfrutan dun espectáculo tan especial coma é o de "Jesucristo Superstar", a maxia da historia sobrevoa o escenario e o patio de butacas, e durante cen minutos, espectadores, actores e o resto do equipo, sen querer, compartimos o mesmo sentimento e a mesma atención de ter todo "baixo control", é dicir, conxuntamente un coma actor proporcionalle ó público o máis posible grado de dramatización que un pode dar, e o espectador mostra ese interese desmesurado por querer ver todo e SENTIR todo, e eso nós sabémolo. Conseguimos facer un bo "debut" en maio do 2002 no noso colexio (Santa María do Mar), en Coruña, despois de estar preparándoa desde outubro do 2001. Continuamos coa montaxe, e fomos a Vigo en outubro'02 (mellor dito, foron, porque eu tiven que ausentarme, facendo unha moi boa e agradecida sustitución o meu amigo Daniel Doval, pertencente o coro e con quen comparto nesta temporada 2002/03 as tarefas de axudante de dirección), Burgos, Valladolid e de novo na nosa cidade, pero esta vez no Teatro Rosalía de Castro, nun día moi especial (o mércores santo).
Pola miña parte estou moi agradecido dos teus comentarios pola miña interpretación na obra. Non sei que dicir. O que si podo dicir é que comparto contigo que o trío protagonista é magnífico: un moi xoven Alberto G. Ruffoni que consigue interpretar o papel de Xesús dunha maneira moi creíble e que consigue desmitificar o típico de que un neno de 15 anos non ten o necesario para facer unha personaxe tan importante (o bo de Alberto é que está en constate evolución, ó igual que Alejandro); Alejandro G. Ruffoni, coma "Judas", un artista que co seu poder de concentración consigue dar todo sobre o escenario (para o meu parecer é dos que máis deixan a súa pel na personaxe que están a interpretar), e que ademáis sei que dará que falar no futuro; e Cristina Herranz, que coa súa voz e o seu rostro anxelicais consigue facer unha nova María Magdalena totalmente diferente as que tiñamos visto na película, na súa versión teatral en España ou en Broadway. Pero non podo esquecer ós mois necesarios actores que interpretaron os papeis de Caifás, Anás (odiable personaxe intepretada moi ben xestualmente por Alejandro Molpeceres) e demáis sacerdotes, Simón Zelotes (esplendorosa voz de Bárbara Frade), Herodes...
O coro, composto por unha docena de profesores, nais e xente vinculada ó centro, soubo dar a súa sensibilidade en cada unha das súas intervencións.
Sobre o equipo de baile sempre sairán da miña boca moi boas palabras, porque son a alegría da obra. Saben exactamente o que teñen que facer en cada momento, cunha precisión que supervisou na temporada pasada a bailarina Alma G. Valor. Ademáis consiguen facer tamén un equipo de escena moi ben simulado nas escenas que fan de apóstoles.
Polo que respecta á música, non hai máis que dicir que a sensibilidade e concentración que puxeron mentres tocaban facíase notar no teatro e nos respaldaba ós actores dunha maneira máxica. Emocionante.
O equipo técnico, capitenado por Cruz Rodríguez e Antonio Viñas, poido propiciar aínda máis a sensación de magnetismo que impregnaba a sala, coas súas luces, efectos de sonido e coas imaxes da pantalla.

Con referencia a pregunta que faciades respecto a si se farían máis representacións, eu, coma pertencente o equipo de dirección, podo adiantar que, en principio, temos pensado continuar na temporada 2003/04, aínda non hai nada totalmente confirmado. Podería haber a posibilidade de volver levar a obra a outras cidades da península, sobre todo da zona centro e norte. Pero, repito, non hai nada confirmado. Se queredes, poderedes estar informados a partires do curso próximo.
No meu nome e en nome dos meus compañeiros dou mil gracias por os vosos sinceros comentarios. As críticas, boas ou malas, sempre serán ben recibidas.
Un cordial saúdo para todos aqueles que viron "Jesucristo Superstar" e para os que se quedaron coas ganas (síntoo moito). GRACIAS.

Sergio Bermúdez.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-26 16:18

De nada, cabaleiro. E obrigado pola visita.



5
De: Javier Barbadillo Fecha: 2003-08-01 06:18

Hola, eu son un dos guitarristas da obra Jesucristo Superstar, o da guitarra negra, o que tocaba mal. Atopei esta páxina de casualidade e lin o comentario de Sergio Bermúdez, no que dubida se haberá mais actuacións.
Ben, eu podo asegurar que si que as haberá, pois non estou pasando todo o veran tocando oito horas cada dia para que esta marabilla remate asi. O unico motivo polo que vou contento á escola é o de poder tocar cos meus compañeiros e achegala la forza do jebimetal e do rock o resto dos mortais:HIIIIIIUAAAAAAAA.
Coido que estase a analizar a posibilidade de actuar en Madrid, nunha especie de intercambio con outro grupo de teatro, pero iso esta por ver.
Ben, gostariame engadir que aprendin moito con Colino, Pepe Muñoz(gran guitarreiro), Pablo Romero(batera) e Lalo Winter Hotchie Koo(o baixo). Gracias a eles e a Alejandro Ruffoni agora quero ser un guitarrista multiestilos e quero que os meus dedos se convertan en arames ou en puas e quero vivi-las 24 horas do dia cunha guitarra.

Moitas gracias, sobre todo ás persoas q voluntariamente cederon o seu tempo libre ó noso servicio e educación: CARLOS COLINO; PEPE MUÑOZ Y DANI DOVAL.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2003-08-01 10:05

Pois nada, Javier: cando volvan actuar, avisen.



7
De: Anónimo Fecha: 2007-03-27 12:29

ruffoni es un crack de los que ya no quedan. es muy complejo explicarlo con palabras



8
De: CARAMELOPAPI Fecha: 2007-03-27 12:30

GOLOSINA PAPIIIIIIII!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.197.74.137 (ab6ac1b4cb)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley