caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Preto do ceo
> Preto do ceo <

Na tarde de onte luns varios dos membros da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío tivemos o orgullo de compartir unhas horas con alumnos do IES David Buján, en Sigrás, Cambre. Non fomos alí para dar innecesarias explicacións sobre astronomía, senón para algo tan simple como indispensábel: para introducirlles no corpo o veneno da observación, que unha vez que se inocula xa nunca te deixa escapar. Para a maior parte dos xoves asistentes esta era a primeira ocasión que tiñan ocasión de mirar ao ceo tendo preto a xente que, coma nós, podía proporcionarlles indicacións mínimas para identificar constelacións. Tamén era a primeira vez que tiñan a oportunidade de mirar por un telescopio, de descubrir os aneis de Saturno ou a Nebulosa de Orión, ou de ver as Pléiades con prismáticos. Por riba de todo, de deixarse levar pola arrebatadora visión do ceo nocturno, abríndose paso pouco a pouco. Vivir con eles esta primeira vez foi unha experiencia fabulosa, e síntome na obriga de darlles as gracias a todas as persoas do instituto, pero en especial a eles, os alumnos, pola súa amabilidade, o seu entusiasmo e as súas ganas de coñecer.

Non lembro en que momento da miña vida foi que me aficionei á astronomía. Pásame o mesmo co cine; teño a sensación de que gostei del desde sempre, aínda que sei ben que non foi así. Pero o certo é que non podo dicir ningún feito que marcase un antes e un despois. Nin sequera lembro que sensación me produciu a primeira vez que mirei por un telescopio. Non me marcou, está claro, pero tampouco me produciu ningunha decepción. Eu son dos que penso que o gosto polas estrelas é algo natural ao ser humano. A inmensa maioría dos cidadáns vive absolutamente á marxe do ceo, por suposto, pero si teño observado moitas veces como xente que aparentemente nunca sentiu especial interese pola observación axiña colle curiosidade e chega case a emocionarse cando se sabe capaz de localizar a Estrela Polar a partir das dúas estrelas do punteiro do Carro, Dubhe e Merak. Posibelmente sexan moitos os que non se atreven a achegarse de todo a este apaixoante coñecemento pensando que está cheo de demasiadas claves ocultas, e en canto se percatan de que todo é tan sinxelo como se desexe, mudan rápidamente de parecer. Non coñezo a ninguén capaz de reprimir a emoción ao ver unha estrela fugaz, ou que non se sorprenda ao seguir a ollo espido a traxectoria da mesmísima Estación Espacial Internacional. Pois por aí se empeza, sempre. Todo consiste en ter vontade de disfrutar da beleza da noite, e o resto, o pracer de descubrir, xa irá chegando ao seu debido tempo.

2003-04-08, 09:02 | 12 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/6969

Comentarios

1
De: Oscar Fecha: 2003-04-08 09:12

Eu tamen puiden ter a sorte de acudir a esta cita cos rapaces do instituto e teño que dicir que foi unha gozada poder ver nestes rapaces o entusiasmo e as gañas de coñecer. Leveime unha moi grata sorpresa e espero ter contribuido en que estes nenos, nenas e tamen profesores e pais cada vez que miren o ceo se lembren das poucas cousas que contamos.



2
De: Vendell Fecha: 2003-04-08 22:58

Seguro que eses rapaces teñen acceso a internet. ¿Por qué non lles piden que expresen aquí as súas opinións?



3
De: Jaitos Fecha: 2003-04-09 19:32

Tamén eu me sinto na obriga de darlle as gracias a todas as persoas que alí estiveron. Dun xeito moi especial quero dirixir un recoñecemento ó traballo altruísta dos que, coma vostede, aportaron ca súa presencia algo moito máis valioso co coñecemento ou, mesmo, apoio loxístico: falo da actitude de compañerismo e do cariño amosado polos membros da Asociación.
Vos sodes quen de crear un ambiente de aprendizaxe moi estimulante. Lonxe de grandes medios tecnolóxicos, tamén desexables, o mellor valor que tirei da convivencia do instituto foi o clima de curiosidade creativa que
fabricáchedes ó vóso redor.
O denominador común que atopéi ó ler biografías de persoeiros da ciencia foi o de ter caído, fóra do academicismo, en ambientes coma eses.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-09 20:42

Boa idea, Vendell. O que non sei ben é como, pero si sería interesante que nos dixesen por aquí que lles pareceu a eles.

Mestre Jaítos: o bo que poidamos facer nós os de Ío será un pálido reflexo do que se fai na Casa das Ciencias. Algo se nos tiña que pegar, digo eu.



5
De: Nacho&alba Fecha: 2003-04-13 19:45

bos dias xente!
somos dous observadores do espacio exterior (jejeje) nos estivemos con vos aquel luns vendo a estrelas, os planetas e mil couas mais que nos deixaron un sabor agridoze naboca: doce porque nos gustou moito o que vimos, a vosa compañia e a vosa disposicion e agrio porque temos que esperar ó 16 de maio pra volver a vernos e disfrutar dese eclipse de lua.
Verdadeiramente despertachedes en nos a curiosidade polo infinito, xa preparamos os nosos prismaticos, os temos ó lado da fiestra e miramos o ceo con outros ollos.
Gracias por todo. de veras, mil gracias.

PD:que conste que seguimos buscando esos ovnis tan magnificos e temolas nosas dudas sobre se o home chegou a lua. Esperamos ter ocasion para poder volvelo a discutir.



6
De: Vendell Fecha: 2003-04-13 22:37

¡Funciona!



7
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-14 06:24

Moi bos días, Nacho e Alba! Gracias antes de nada por visitar o blog e volvede por aquí moi a miúdo, please!

Se de verdade fomos útiles á hora de despertar en vós unha mínima curiosidade polo universo, dámonos por satisfeitos. Deso se trataba. Agardo que nos volvamos ver moitas máis veces, preto do ceo.



8
De: Akin Fecha: 2003-04-14 18:24

Aínda que non estou na miña época do instituto quédome coas gañas de irme de observación. Se cadra sería un bo momento señor Pawley para saquearlle esa pequena colección de musicais.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-14 22:30

Fica vostede convidado a saquear cando lle veña ben a miña pequena colección de musicais. En canto ao de ir a observar, véñase connosco cando o desexe. As convocatorias máis salientables serán indicadas tamén nese Foro que vostede coñece. De todos xeitos, avísolle xa de que maio será un mes con moita actividade. Ademáis dunha eclipse, se ten ganas de descubrir ou ver de novo Gattaca, Naves misteriosas e Doce monos, recoméndolle que se achegue á cidade onde ninguén é forasteiro...



10
De: Para Alba&Nacho&e moitos mais Fecha: 2003-04-16 16:37

Benvidos, benqueridos, ó planeta dos curiosos.
Non tedes, si non queredes, que esperar tanto tempo temando do mono da abstinencia. O sábado 26, como todolos derradeiros de mes, hay unha sesión aberta e gratuita no Planetario da Casa das Ciencias. Alí, desde as 10, planificamos actividades, compartimos ferramentas de observación e falamos de cousas relacionadas coa nosa común afición.
Moitos dos que tivemos o placer de estar convosco o outro día, estaremos alí. Quedades
formalmente invitados a vir. E tamen invitados a invitar a quen desexedes.



11
De: Akin Fecha: 2003-04-16 18:02

¿Dende as 10 da mañá ou as 10 da noite?



12
De: Martin Pawley Fecha: 2003-04-17 01:30

Akin: a cita é todos os últimos sábados de cada mes, ás 10.30 da mañá, no Planetario, en pleno Parque de Santa Margarita. A parte formal, divulgativa e astronómica, remata un pouco antes das doce; pero polo usual soe vir seguida dun pequeno acto de confraternización en certa cafetería próxima.

¿Vou preparando os CDs...?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.230.51 (75e616cf27)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley