
Conmemórase hoxe, 2 de abril, o
Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, por ser esta a data do nacemento en 1805 de Hans Cristian Andersen, un dos grandes nomes do xénero. Varios dos libros e dos autores máis apreciados polo autor deste blog adscríbense á etiqueta da literatura para xente nova, que cando é boa é tan boa como calquera outra. Ninguén en plenitude de facultades mentais discutiría na actualidade os méritos das dúas entregas da
Alicia de Carroll ou da
Illa do Tesouro de Stevenson, libros estes que na miña persoal escala de valores ocupan posicións dificilmente superábeis.
O día, pois, é a escusa perfecta para falar de novo do mellor escritor vivo en lingua galega,
Xabier P. Docampo. É certo que a cercanía pode ás veces deformar a análise, e máis cando a cercanía vai acompañada da amizade. Por sorte, as probas do talento do bo do Xabier son tantas e tan sólidas que a miña sempre discutíbel credibilidade non fica desta vez en entredito. Se vostedes confían algo en min, fáganme caso e lean algún dos seus libros; asegúrolles que non se sentirán decepcionados.
A obra de Xabier é altamente esixente. Nos últimos anos levamos visto como se fan pasar por libros para nenos subproductos apoiados en campañas publicitarias moi traballadas; é así como acadan o éxito birrias que non resisten un mínimo exame. Fronte a iso, Xabier plantéxanos textos de estructura complexa e temática ben ousada. O último dos seus,
A casa da luz, ten o aspecto da clásica
novela de pandilla, que el sabe facer coma poucos (
O misterio das badaladas ou
O pazo baleiro); pero érguese por riba dos dous citados polas súas maiores ambicións. A novela toda é unha tan áxil como profunda reflexión sobre a arte e o papel que representa nas nosas vidas. Arte que non recrea o mundo, senón que nos explica o mundo. Non por casualidade
A casa da luz ábrese cunha fermosa cita de Paul Klee:
A arte non reproduce o visible, fai o visible.
O libro ten tamén moito de viaxe iniciático que vai transformando aos rapaces protagonistas ao longo das súas páxinas. Reflícteos en plena mudanza da nenez á adolescencia, nese momento de cambio no que xa non lles é tan doado quedar xuntos porque todos van tendo cousas propias que facer. Empezarán a ter secretos: hai partes das súas vidas que xa non poderán explicarlles aos seus pais.
O elemento central do libro son uns cadros nos cales estes nenos iranse introducindo, vivindo diferentes experiencias fantásticas que deixan ver que coma escritor Xabier nunca dá puntada sen fío. Son escenas trepidantes, moi cercanas ao espírito do cine mudo de carreiras e persecucións. Dan pé a que se fale dun ritmo cinematográfico, o cal sendo certo non deixa de ser algo moi simple. Ese ritmo está presente en toda a súa obra, que se caracteriza sempre por usar con brillantez os diálogos como recurso para facer avanzar a acción, e na que con frecuencia a narración prodúcese en termos moi visuais. Cito un exemplo deste libro que a min me gusta especialmente: un dos personaxes, Duarte, dille a outro, o Pumariño, que lle entregue o pucheiro ao Señor da Torre. A escena, puro cine, transcorre en forma de primeiros planos que describen xestos. O rostro pensativo de Pumariño. A tristeza da nena protagonista, Alicia, que entende que nese pucheiro está media vida do Pumariño. E logo, a nova intervención de Duarte, que anticipa o final da secuencia, invitándoo a darlle o pucheiro igual que lle daba aos pombos. E, en consecuencia, o sorriso novo do Pumariño, entendendo todo; un sorriso que a min me fai pensar no da nena do final de
Ordet, filme capital de Dreyer, un sorriso que nos descobre aos espectadores a resurrección da muller. No xesto da nena de
Ordet hai satisfacción, pero non sorpresa, coma se ela, que vai da man do iluminado profeta, soubese que tales milagres existen e son posíbeis, e velaí estaba a proba.
Sutilmente, Xabier é quen a manexar temas raras veces tratados nos libros para rapaces, como a guerra civil ou a represión policial. Pero, por riba de todo,
A casa da luz é un canto encendido e portentoso á liberdade e á búsqueda da beleza, un acto de amor á vida e de amor á arte como só un gran autor sabe facer. Aos demais mortais quédanos o pracer de lelos e de redescubrir día tras día as posibilidades infinitas da palabra.
¶