caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cinema no Fórum: Música para Chaplin
> Cinema no Fórum: Música para Chaplin <



Poucas figuras hai no século XX tan doadas de recoñecer coma Charles Chaplin. A potencia da súa imaxe mítica segue intacta tres décadas despois da súa morte mesmo entre aqueles que apenas chegaron a ver algún dos seus filmes, que hoxe raras veces pasan pola televisión e menos aínda polas salas de cinema a non ser en ocasións excepcionais. É o eco dunha popularidade que no seu momento de máis éxito era incomparábel. “Charles Chaplin era coñecido como nunca ninguén o foi na historia, máis que Napoleón e que Gandhi”, dixo Jean-Luc Godard; porén “ninguén lle fixo caso cando realizou O gran ditador”. Unha persoa coma el non podía permanecer allea ás noticias da represión na Alemaña nazi e así naceu a súa exemplar sátira do tirano Adolf Hitler, cuxa rodaxe comezou dous anos antes de que os Estados Unidos entraran na II Guerra Mundial. Chaplin ridiculiza a todos os ditadores, sérvese do humor e da parodia para derrotar o fascismo e as pretensións de dominar o mundo, mais sabe que iso non é suficiente e sente a necesidade de poñerse serio e pronunciar un poderoso discurso final, un elocuente e esperanzado alegato pola democracia e a paz, en favor da ciencia, a razón e o progreso como guía para un mundo mellor e máis libre que conduza a felicidade de todos os homes e mulleres. Algo moi propio dun artista que levaba desde os anos dez retratando inxustizas e cuestionando a sociedade da man do seu personaxe Charlot, un gentleman con roupas de vagamundo a sobrevivir nunha época de abruptos cambios. Aí reside o valor de Chaplin, na súa capacidade para transmitir grandes ideas a públicos masivos demostrando un sutil equilibrio entre unha concepción cinematográfica portentosa, chea de audacia e creatividade, e o compromiso ineludíbel coa época que lle tocou vivir e as súas difíciles circunstancias.

O cinema xenial e eterno de Charles Chaplin chega en decembro ao Fórum Metropolitano con tres dos seus títulos mudos máis valiosos. Para empezar, The kid (O rapaz), unha pequena alfaia coprotagonizada por Edna Purviance e o neno Jackie Coogan. A seguinte fin de semana The gold rush (A quimera do ouro), o filme polo que el declarou en varias ocasións que desexaba ser recordado, unha obra mestra inzada de escenas inesquecíbeis. Pecha o ciclo City lights (Luces da cidade), quizá a súa película máis depurada, un prodixio capaz de facernos rir e chorar a partes iguais. Un ciclo imprescindíbel que nas sesións dos sábados ás 20:30 contará ademais co aliciente especial da música en directo de Jacobo de Miguel acompañando as proxeccións.

Sala Fernando Rey: Decembro de 2008

4, 5 e 6: The kid (O rapaz) (Charles Chaplin, 1921)
11, 12 e 13: The gold rush (A quimera do ouro) (Charles Chaplin, 1925)
18, 19 e 20: City lights (Luces da cidade) (Charles Chaplin, 1931)

2008-12-02, 15:46 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/60863

Comentarios

1
De: Maribel Fecha: 2015-06-30 17:00

No entiendo mucho el gallego pero si que te puedo decir que me encanta la selección de música que hiciste. Siempre que escucho música que me gusta utilizo mi shazam para pc y me las descargo. Legalmente claro jeje!!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.19.255 (799359e1dd)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley