
No contexto da literatura galega a novela negra é un fenómeno tan recente como relevante, que leva producido xa algúns froitos certamente destacados que flutúan entre o realismo sucio e sórdido, tan propio do xénero, e unha certa querenza culturalista. En
Crime en Compostela de Carlos R. Reigosa, que nesta parte do planeta pasa por ser fundacional, as descricións da cidade tiñan tanto ou máis peso que a trama criminal, e o seu protagonista, Nivardo Castro, afastábase dos arquetipos tradicionais para adquirir trazos decididamente autóctonos. Un pouco despois saía do prelo
A chave das noces de Xabier P. Docampo, un relato urbano e escuro na mellor tradición estadounidense, esa que bebe por igual dos textos esenciais de Hammett e Chandler coma dos grandes clásicos do "film noir" dos anos trinta, corenta e cincuenta; as obras mestras de
Fritz Lang e
John Huston mais tamén esas alfaias de orzamento minúsculo tipo
Detour ou
Gun crazy. Desa tradición partía tamén Aníbal C. Malvar, que nos deixou os máis valiosos títulos do xénero negro publicados en Galicia. O silencio narrativo do autor de
Unha noite con Carla e
Á de mosca dura xa unha década: somos moitos os que botamos en falta a rapidez e o brillo dos seus diálogos e a fortaleza das súas construcións novelísticas.
Suso de Toro, Santiago Jaureguizar e Xurxo Borrazás fixeron achegas a un xénero que é ideal para falar das miserias do noso tempo e está sempre aberto á introdución da ironía como recurso literario. Nos últimos anos case poderiamos falar dun pequeno "boom", co éxito aquí e acolá de
Ollos de auga de Domingo Villar como fito máis salientábel (éxito que, dito sexa ao paso, eu non son quen de explicar). Ben lonxe do espírito tranquilo de Leo Caldas está a vida disoluta de Horacio Dopico, o detective canalla e noctámbulo que protagoniza
Baixo mínimos e
O cidadán do mes, dúas novelas nas que Diego Ameixeiras xoga cos tópicos con intencións lúdicas e desmitificadoras. Dese pouso retranqueiro participa tamén Miguel Anxo Fernández na triloxía formada por
Un nicho para Marilyn,
Luar no inferno e
Tres disparos e dous friames, aínda que neste caso o elemento burlesco é se cadra aínda máis explícito, cun protagonista, Frank Soutelo, a rolos pola costa abaixo que leva do aínda presentábel Mike Hammer até os personaxes das noveliñas de serie z (minúscula).
Esta terceira entrega comeza cando unha aspirante a actriz encárgalle a Frank Soutelo que a libre do produtor co cal está liada, nun encontro que termina cos dous -a actriz e o detective- facendo o amor sobre a mesa do despacho. Para resolver o seu traballo, Soutelo decide conseguir imaxes que revelen a relación entre a súa clienta e o seu acosador para con elas presionar á muller deste, mais a súa estratexia non acada os resultados desexados: a esposa non só non amosa ningún tipo de inquedanza polo adulterio do seu home, senón que mesmo decide probarlle ao detective a súa amplitude de miras practicándolle unha felación. Todo iso nas primeiras cincuenta páxinas; será ao cabo das seguintes cincuenta cando teñamos noticia dos tres disparos e as dúas mortes que anuncia o título. A acción da novela pasa logo por Boston e Papeete, na Polinesia Francesa, camiño dun desenlace máis ben basto moi representativo do ton desenfadado, paródico e un chisco perralleiro do conxunto. Unha novela, esta de Miguel Anxo Fernández, que non esconde a súa única intención de entreter, e como tal hai que tomala, é dicir, non moi en serio.
(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 8, outono 2008. Descarga os números anteriores aquí)
¶