Cine e natureza
En agosto de 1920 o cineasta estadounidense
Robert J. Flaherty marchou ao asentamento esquimó de Inukjuak, ao norte de Quebec en Canadá. Coñecía ben a zona pois traballara facendo prospeccións para unha compañía de ferrocarrís, e estaba ben familiarizado cos costumes dos inuit. Conviviu con eles durante un ano e nese tempo rodou moito material, que lle serviría logo para montar o que está considerado o primeiro gran documental da historia,
Nanook of the North. O filme acadou un enorme éxito comercial: amosáballe ao público occidental un territorio de impactante beleza e se esforzaba en conseguir unha intensa identificación cos personaxes protagonistas, ao nolos presentar nas súas actividades cotiás (a caza, a pesca, mesmo a construción dun iglú). O poderoso mito do home en contacto coa natureza chegaba ao cinema e ficaría para sempre. Unha natureza ás veces xenerosa e ás veces hostil, que atopa na escuridade dunha sala e sobre unha gran pantalla o lenzo idóneo onde lucir ben fermosa.
Que sería do western sen eses grandes espacios excepcionalmente retratados por xenios coma
Winton C. Hoch? O relato épico da “conquista do Oeste” é tamén a historia da conquista da natureza salvaxe, domesticada para facela máis accesíbel e permitir o nacemento de novas cidades. É o relato, pois, da desaparición dos espacios naturais, e dos que neles tiñan o seu fogar, nalgúns casos con ton elexíaco, o que corresponde para cantar un mundo que se extingue. O cinema sempre mirou con bos ollos a aqueles que quixeron vivir en harmonía coa natureza, de
Dersu Uzala a
Jeremiah Johnson, ou o exemplo máis cercano de
Into the wild, o máis recente filme de Sean Penn baseado na experiencia real de Christopher McCandless. O conflito entre o desenvolvemento e o difícil equilibrio sustentábel asoma en
A selva esmeralda ou
Os derradeiros días do Edén, e con apuntamentos de comedia en
Un lugar chamado Milagro, dirixida por Robert Redford. Con vocación de impactante experiencia audiovisual
Godfrey Reggio preparou a súa triloxía
Qatsi, co apoio da música de Philip Glass. Intencións semellantes tiña Ron Fricke con
Baraka, ou a parella Claude Nuridsany e Marie Perennou, que pasou de descubrirnos en
Microcosmos o fascinante mundo que se agacha en calquera xardín a contarnos a marabillosa historia da orixe da vida na voz dun griot africano en
Xénese, un filme cheo de imaxes abraiantes.
En novembro, a Natureza invade a Sala Marilyn Monroe da man dunha
familia nómade de Mongolia, unha
tribo do Nepal e un
sabio sufí cego nos desertos de Túnez e Irán, e tamén de
Nanu e Seela, un osiño e unha morsa aprendendo a sobrevivir nuns xeos ameazados polo cambio climático.
Sala Marilyn Monroe: Novembro de 2008
6, 7 e 8:
La historia del camello que llora (Luigi Falorni e Byambasuren Davaa, 2003)
13, 14 e 15:
Bab'Aziz (Nacer Khemir, 2005)
20, 21 e 22:
Los reyes del Artico (Adam Ravetch e Sara Robertson, 2007)
27, 28 e 29:
Himalaya (Eric Valli, 1999)
¶