Os Bardem
“Mamá, esto es para ti, esto es para tus abuelos, para tus padres, Rafael y Matilde; esto es por los cómicos de España que han traído como tú la dignidad y el orgullo a nuestro oficio”. Nas palabras finais do discurso de agradecemento ao recoller o Oscar como mellor actor de reparto pola súa encarnación do asasino Anton Chigurh en
Non é país para vellos, Javier Bardem rendía tributo á estirpe da que forma parte, a dos cómicos e os actores de repertorio que patearon con humildade e perseverancia infinidade de escenarios. Citou de maneira expresa aos seus avós,
Rafael Bardem e
Matilde Muñoz Sampedro, outro apelido ben ilustre, o que compartía coas súas irmás
Guadalupe e
Mercedes. A seguinte xeración é a de Juan Antonio e Pilar. O éxito dos seus primeiros e excelentes filmes, entre eles
Muerte de un ciclista e
Calle Mayor, premiados pola crítica nos festivais de Cannes e Venecia, non lle serviu ao director nacido en Madrid para desenvolver a súa obra con normalidade; dos 70 en adiante
Juan Antonio Bardem fixo moitos traballos alimenticios nos que
dificilmente pode recoñecerse a xenialidade de quen creou algúns dos títulos
máis destacados da historia do cinema español. A carreira de
Pilar Bardem arranca hai corenta anos, mais a súa popularidade é ben tardía; o punto de inflexión márcao
Nadie hablará de nosotras cuando hayamos muerto, dirixida por Agustín Díaz Yanes en 1995. O personaxe de Doña Julia colocouna na axenda dunha morea de directores e proporcionoulle un Premio Goya nunha noite na que o seu fillo Javier foi galardoado como
mellor actor e o seu sobriño Miguel venceu na categoría de curtametraxes. O máis recente filme de
Miguel Bardem,
Mortadelo y Filemón: misión salvar la Tierra, será un dos poucos con produción española que conseguirán superar este ano a cifra do millón de espectadores.
Nada hai que dicir a estas alturas de
Javier Bardem, que hoxe por hoxe é o actor español con máis prestixio e proxección internacional. Ao seu innegábel talento hai que sumarlle o coidado co que elixe os proxectos: vai ao ritmo dun filme por ano, ultimamente sempre da man de destacados cineastas coma Michael Mann, Milos Forman, Joel e Ethan Coen, Woody Allen e Alejandro González Iñárritu, para quen protagonizará
Biutiful. Efímero foi o paso polas pantallas da súa irmá
Mónica, mais non así o do maior,
Carlos Bardem, que foi abríndose camiño case de incógnito e nos últimos tempos vén encadeando unha película con outra cun recoñecemento crecente ao seu labor, nomeadamente despois de
La zona.
Sala Fernando Rey. Novembro de 2008
6, 7 e 8:
Cómicos (Juan Antonio Bardem, 1954)
13, 14 e 15:
Perdita Durango (Alex de la Iglesia, 1997)
20, 21 e 22:
Pantaleón y las visitadoras (Francisco J. Lombardi, 2000)
27, 28 e 29:
La zona (Rodrigo Plá, 2007)
¶