Seis días de rodaxe e 22500 dólares foron suficientes para producir
Garganta profunda, o filme que colocou a industria do porno á vista de todos os americanos. É difícil poñerlle cifras ao seu fabuloso éxito. O dato máis fiábel asígnalle cen millóns de dólares de recadación; hai quen multiplica ese número por seis, mais parece a todas luces esaxerado. Que a súa distribución estivese en mans de empresas vencelladas á mafia non clarifica as cousas, pois dase por feito que os ingresos nas billeteiras foron artificialmente engordados como estratexia para branquear cartos. O que si é seguro é que dese colosal negocio non participou ningunha das persoas que traballaron na película, nin sequera o director, Gerard Damiano,
falecido onte aos oitenta anos, que en teoría optaba a un terzo dos beneficios e acabou levando unicamente vinte e cinco mil dólares.
O humor é un ingrediente esencial en
Garganta profunda; ao seu ton lixeiro e cómico débese unha parte non pequena da súa popularidade. O que porén non ten ningunha graza é o que contou anos máis tarde
Linda Lovelace, que acabaría sendo unha figura destacada dos movementos feministas contra a pornografía. Linda confesou que se entrou na industria do porno foi coaccionada polo seu marido naquela altura, Chuck Traynor, un home segundo ela violento e posesivo que até a tería obrigado a protagonizar escenas de zoofilia. "Cando vedes
Deep throat", diría nunha entrevista a comezos dos 80, "estades vendo como me violan. É un delito que ese filme estea aínda exhibíndose: había unha pistola apuntando á miña cabeza todo o tempo". O desprezo cara ao seu pasado levouna a facer acusacións imposíbeis de demostrar e en ocasións un chisco desmedidas, mais o que si parece probado por moitas testemuñas é que o tal Chuck Traynor era un sádico que a tiña case escravizada e non dubidaba en bater nela cando lle parecía. Un dos símbolos da liberación sexual, Linda Lovelace, era en realidade unha muller dominada e infeliz. A súa
triste biografía vén marcada por dous accidentes de coche. O primeiro tívoo en Nova York en 1970, onde acudira para iniciar unha nova vida lonxe da súa casa. No hospital tiveron que facerlle unha transfusión de sangue que acabaría traendo terríbeis consecuencias. Para recuperarse voltou a Florida, e foi aí cando coñeceu a Chuck Traynor e iniciou a súa carreira como obxecto sexual. Quince anos despois enfermou gravemente: os doutores diagnosticaron un fallo hepático severo, froito dunha hepatite que lle contaxiaran con aquela transfusión. Salvou a vida grazas a un transplante, mais quedou atada a un costoso tratamento: as súas dificultades financeiras non fixeron máis que medrar. Pasaba dos cincuenta cando accedeu a facer unha reportaxe fotográfica para a revista erótica
Leg Show, traizoando a súa cruzada anti-porno doutrora. Un ano despois tivo un segundo accidente de coche que a deixou fatalmente magoada. Morreu en abril de 2002 nun hospital de Denver, Colorado, tres décadas despois de rodar o filme polo que pasou á historia.
¶