Coñecín a
Kiko Pastur o luns 24 de outubro de 2005, na véspera de gravarmos a súa breve intervención nun documental,
Ilusiones visuales, que empezaba falando da percepción visual e acababa enchéndose de referencias ás artes plásticas, o cinema e a maxia. Quedamos pola noite nun café da Praza de Pontevedra, naquela ocasión case baleiro, e Kiko fixo unha demostración das súas habilidades para a maxia de proximidade, comigo coma único e abraiado
espectador (a poucos metros da nosa mesa a camareira amosaba un sorprendente desinterese, mesmo cando lle fomos pedir cambio para que Kiko fixese un truco con moedas). Do
jazzman Abe Rábade tamén podo dicir a data exacta en que nos coñecimos: o venres 8 de xuño de 2007, na cea posterior á reunión dos Premios Xerais dese ano (el estaba de xurado do de novela, e eu no Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil), aínda que realmente falamos sobre todo pola madrugada, cando ao voltarmos ao hotel acordamos que ningún de nós tiña moita vontade de durmir e decidimos ir tomarlle outra ao Manteca Jazz. Onte Abe e Kiko estrearon na Coruña
Jazzia, un marabilloso espectáculo que combina as disciplinas nas que os dous son mestres e que sorprende xa desde o comezo, con dous pequenos dirixíbeis sobrevoando o teatro e gravando en tempo real o patio de butacas. Tralo debut coruñés, a mini-xira de
Jazzia fará parada nas próximas semanas en Ourense (Teatro Principal, mércores 22 de outubro, 20:30), Pontevedra (Teatro Principal, martes 28 de outubro, 20:30) e Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, mércores 22 de outubro, 20:30). Se poden velos, non perdan a oportunidade.
¶